PP e PSOE vetaron a participación e a presentación dunha declaración institucional
Unha vez máis o PSOE vetou a intervención no pleno da CIG para presentar a moción que foi aprobada polo pleno contra a pobreza enerxética
O voceiro nacionalista explicou que o PP impediu a presentación dunha declaración institucional pedindo a abolición dos espectáculos taurinos sanguinarios
Lugo, 30 de outubro de 2015. Tras a celebración do pleno da corporación municipal de Lugo, Rubén Arroxo, denunciou o veto imposto dende o goberno municipal a unha organización para intervir no pleno e presentar unha proposta que, finalmente, foi aprobada. Arroxo explicou que por segunda vez neste mandato vemos como se prohibe a intervención dun colectivo no pleno da corporación, e por segunda vez vemos como o PSOE veta a intervención da CIG nunha sesión plenaria deste concello. O voceiro sinalou que en todos os casos foron presentadas as solicitudes de intervención en tempo e forma e cumprindo cos requisitos que marca o regulamento de participación cidadá.
Ademais Arroxo informou que a declaración institucional, proposta polo BNG-Asambleas Abertas, para declarar a Lugo como un concello libre de espectáculos taurinos, nos que se torture aos animais, foi impedida polo voto en contra do partido popular. Rubén Arroxo dixo que aínda que en Lugo non existe esta problemática, entendemos que debemos sumarnos a esta corrente que pretende acabar con espectáculos sanguinarios e de tortura que aínda se manteñen noutros lugares. Arroxo lamentou que o partido popular se opuxera ao que sería unha declaración simbólica na que o concello de Lugo daría un paso máis para avanzar cara o que é unha sociedade do século XXI.
Os nacionalistas lamentaron, tamén, o espectáculo vivido onte no pleno tras a aparición dunha nota de prensa do partido socialista colgada na web institucional do concello de Lugo. Os partídos da oposición negáronse a continuar a sesión plenario por considerar un grave insulto a difusión dunha nova de características absolutamente partidarias.