O BNG-AA propuxo, no foro de igualdade, a programación de teatro de rúa para o 25 de novembro
A edil nacionalista, Maite Ferreiro, pediu que se eviten as músicas de contido machista nas actividades organizadas polo concello
Lugo, 3 de outubro de 2015. Na xuntanza do Foro de Igualdade, celebrada esta mañá no concello de Lugo, o BNG Asembleas Abertas propuxo a programación de teatro de rúa para os actos do 25 de novembro. A iniciativa dos nacionalistas aposta por levar ás rúas da cidade unha serie de microespazos teatrais nos que se denuncie a situación que viven moitas mulleres que padecen a violencia machista nas súas diferentes manifestacións.
A proposta presentada pola edil Maite Ferreiro ten por obxectivo que se visibilice na rúa o drama que sofren as vítimas do terrorismo machista. Ferreiro sinalou que é importante que dende os grupos con representación na corporación fagamos propostas para amosar a nosa preocupación sobre esta lacra social e tratar de trasladar á sociedade o que debe ser unha preocupación xeralizada.
Ademais, Maite Ferreiro, presentou un rogo para que o goberno municipal teña unha especial sensibilidade coa música que se utiliza nas actividades das ociotecas e centros sociais. Ferreiro sinalou que en determinadas actividades se utilizan temas musicais con letras que teñen unha clara compoñente machista ou de incitación á violencia de xénero.