O BNG-AA propón que se estuden solucións para os espazos de que dispoñen os colectivos
Rubén Arroxo sinalou que os locais das Asociacións de caracter social non teñen dimensión suficiente para poder realizar o traballo nas debidas condicións
Temos que estudar unha optimización dos espazos do concello para darlle o uso máis racional posible dixo Arroxo
Lugo, 15 de xaneiro de 2016. O BNG Asembleas Abertas presentará un rogo para que se estudie a posibilidade de adaptar os locais dos que dispoñen as entidades de carácter social, que utilizan locais municipais, para que poidan ter unhas condicións dignas para desenvolver as súas actividades. Rubén Arroxo indicou que as asociacións de carácter social fan un traballo necesario para as persoas afectadas e para os familiares e engadiu que o concello ten que darlles respaldo para que poidan facer este traballo nas mellores condicións.
O voceiro do BNG Asembleas Abertas afirmou que as características dos locais dos que dispoñen estas asociacións, a maior parte deles na casa Clara Campoamor, non son as axeitadas para que as asociacións desenvolvan as súas actividades. Rubén Arroxo sinalou que os locais das Asociacións de caracter social non teñen dimensión suficiente para poder realizar o traballo nas debidas condicións.
Temos que estudar unha optimización dos espazos do concello para darlle o uso máis racional posible dixo Arroxo e sinalou que o concello ten que facer unha análise do uso que teñen todos os locais de propiedade municipal nese momento e, no caso de ser necesario, facer unha reordenación e adaptación dos seus usos.