A información que recibimos sobre os orzamentos está lonxe dos intereses dos lucenses dixo Arroxo
O voceiro do BNG Asembleas Abertas informou que trasladaremos a proposta á asemblea local cando teñamos a información completa
Arroxo sinalou que no que vimos ata o de agora non hai intención de avanzar na remunicipalización de servizos
Lugo, 14 de xaneiro de 2016. O BNG Asembleas Abertas aínda non recibiu toda a información necesaria para avaliar o proxecto de orzamentos do goberno municipal e Rubén Arroxo indicou que a información que recibimos sobre os orzamentos, ata o de agora, está lonxe dos intereses dos lucenses e dos obxectivos que nos defendemos para este concello. Arroxo sinalou que xa lembramos en varias ocasións que o PSOE non cumpriu os compromisos que adquiriu con nós para que apoiaramos a investidura da alcaldesa e esto, evidentemente, vai condicionar o apoio aos orzamentos.
O voceiro do BNG Asembleas Abertas informou que trasladaremos a proposta á asemblea local cando teñamos a información completa. Arroxo dixo que nós presentámonos co nome de BNG Asembleas Abertas e será nunha asemblea aberta onde se decida o apoio, ou non, ao proxecto de orzamentos que nos presente o PSOE e engadiu que é evidente que temos que ser coñecedores de todos os datos para trasladar a información.
Arroxo sinalou que no que vimos ata o de agora non hai intención de avanzar na remunicipalización de servizos e explicou que algo que puidemos ver, na pouca información que recibimos, é que hai unha rebaixa no capítulo de persoal e un incremento nas partidas adicadas a pagar servizos externos e isto quere dicir que o PSOE non está disposto a seguir afondando na remunicipalización dos servizos municipais.