Hai que aproveitar o ofrecemento da Área de Cultura da Deputación para darlle uso a S. Fernando
Maite Ferreiro propuxo aproveitar a sinatura do convenio para comprometer fondos da Xunta e Concello para que o edificio recobre vida
Co actual convenio entre a Xunta e o Concello o edificio quedará consolidado pero non poderá ter ningún uso definido
Lugo, 18 de xaneiro de 2016. A edil do BNG Asembleas Abertas no concello de Lugo, Maite Ferreiro, animou á alcaldesa a aproveitar o seu encontro con responsables da Xunta para comprometer fondos da Xunta e Concello para que o edificio recobre vida. Ferreiro indicou que co actual convenio entre a Xunta e o Concello o edificio quedará consolidado pero non poderá ter ningún uso definido.
Valoramos positivamente o ofrecemento da Área de Cultura da Deputación e entendemos que é o momento para que as tres administracións aporten as cantidades suficientes para que o edificio poida dar servicio a Lugo sinalou Maite Ferreiro e convidou á alcaldesa incluír no orzamento municipal unha partida para que Concello, Xunta e Deputación financien un acondicionamento que vaia máis alá da consolidación do edificio e que permita un uso do mesmo.
Maite Ferreiro parabenizou o feito de que se materialice o compromiso das obras de consolidación do edificio e engadiu que ese compromiso foi feito polo anterior alcalde e entendemos que a actual alcaldesa ten que dar un paso máis e tratar de conseguir os fondos precisos para darlle utilidade ao edificio e facer que Lugo avance.
Os traballos que se van realizar no edificio do Cuartel de San Fernando están encamiñados a dar seguridade e garantir a conservación do edificio pero non contempla a rehabilitación necesaria para que se lle poida dar un uso. Maite Ferreiro lembrou que é un edificio singular, declarado BIC e cun valor patrimonial de primeira orde que está no centro da cidade e sinalou que non é admisible que o edificio quede pechado despois destas obras de consolidación.