O BNG Asembleas Abertas aposta por unha política fiscal progresiva
Rubén Arroxo sinalou que a nosa aposta é facer que pague menos quen menos ten e que pague máis quen máis ten por que a xustiza non é equiparar
Na vindeira xuntanza o BNG AA presentará unha serie de propostas concretas para que as ordenanzas fiscais do concello de Lugo sexan máis xustas
Lugo, 19 de xaneiro de 2016. O voceiro do BNG Asembleas Abertas no concello de Lugo, Rubén Arroxo, presentará unha batería de propostas na xuntanza vindeira que manteñan os grupos da corporación de cara á elaboración das ordenanzas fiscais do concello de Lugo para o ano 2017. As propostas do BNG Asembleas Abertas irán dirixidas a conseguir unha política fiscal progresiva para que as persoas que menos teñen paguen menos.
Rubén Arroxo explicou que a xuntanza de hoxe serviu para trazar os obxectivo e planificar o traballa que se desenvolverá durante todo este ano para chegar ao vindeiro exercicio co traballo feito, contando con todos os grupos, para que as ordenanzas fiscais do concello sexan o resultado do consenso de todas as forzas que conformamos a corporación. Arroxo sinalou que é prioritario que esta nova política contributiva atenda ás necesidades dunha sociedade afectada de maneira moi grave pola situación de crise económica e polas políticas neoliberais que se seguen a aplicar desde as administracións estatais e nacionais.
Informes como o que onte deu a coñecer unha recoñecida ONG de caracter internacional demostra que hai unha minoría que ten cada vez máis e unha maioría que ten cada vez menos sinalou Arroxo e engadiu que a nosa aposta é facer que pague menos quen menos ten e que pague máis quen máis ten por que a xustiza non é equiparar. As propostas do Bloque Nacionalista Galego Asembleas Abertas teñen como obxectivo aplicar unha maior progresividade fiscal impulsar a actividade económica a partir das exencións, gravames, bonificacións e reducións posibles nas ordenanzas fiscais e nos prezos e taxas públicos.