O BNG AA propón que o premio Entre Mulleres se lle otorgue, a título póstumo, a Emilia Naveiras
Estes premios, convocados polo concello de Lugo, fanse coincidir coa celebración do 8 de marzo, día da muller, e serven como recoñecemento á traxectoría de mullerers ligadas á vida social, cultual, sindical ou asociativa de Lugo
Lugo, 21 de febreiro de 2016. O BNG Asembleas Abertas decidiu, este ano, propoñer que o premio Entre Mulleres sexa concedido, a título póstumo, a Emilia Naveiras. O BNG-AA presenta esta candidatura á vista da traxectoria desta muller que adicou boa parte da súa vida á defensa de valores sociais e da igualdade. Ademais de todo o traballo desenvolto na súa faceta social, Emilia Naveiras foi unha muller adiantada ao seu tempo que apostou por iniciativas vencelladas á agricultura ecolóxica como xeito de vida alternativo e foi activa militante no sindicalismo agrario nacionalista. Emilia Naveiras finou no ano 2010.
Despois de pasar pola facultade de Físicas non puido licenciarse por ser expedientada, en tempos da ditadura franquista, por participar no movemento estudiantil. Formou parte dunha congregación relixiosa que abandonou a mediados dos anos 70 por non concordar coas formas de facer da congregación e por considerar que tiñan abandonada a o traballo polos máis desfavorecidos. Emilia Naveiras aposta, dende este momento, por vivir da agricultura e no respecto á terra, na súa última etapa viviu na parroquia lucense de Muxa.
No seu traballo social comenza impulsando a asociación de veciños de Piugos, onde vivía a principios dos anos 80, para formar o COSAL (Comité de Solidaridade con Latino América) en Lugo. Emilia Naveiras participou na fundación de AXUNICA (Axuda a Nicaragua) a mediados dos anos 90. No ano 2003, Emilia Naveiras, implicouse na actividade política e formou parte da candidatura do BNG ao concello de Lugo. Outra das súas implicacións sociais estivo vencellada a Asociación que en Lugo traballa pola difusión do Reiki.
O 8 de marzo cumprense xa os 104 anos do Día Internacional da Muller, da celebración do traballo e esforzo de millóns de mulleres que dalgunha maneira contribuiron e contribuen á defensa da igualdade, do feminismo e dos dereitos das mulleres. Para o BNG Asembleas Abertas é de destacar a coherencia, firmeza e compromiso co que Emilia Naveiras ten traballado pola igualdade e a prol dos colectivos sociais.