O BNG-AA rexeita a celebración de touradas no concello de Triacastrela
Para os nacionalistas é lamentable que o PP se preocupe máis de traer corridas de touros que de incentivar medidas para o repoboamento do concello
A responsábel comarcal do BNG asegurou que a presenza do BNG en gobernos progresistas como Sarria fai que desaparezan estas manifestacións de maltrato animal
Lugo, 22 de xullo 2015. A responsable comarcal do BNG de Lugo, Esther López, lamentou hoxe o retroceso que supón que un concello como Triacastrela teña programado un espectáculo de maltrato animal para as súas festas patronais. Para o BNG, a celebración de touradas, non ten tradición, nin arraigo neste país, trátase dun negocio no que uns poucos sacan tallada a conta dos fondos públicos e da intencionalidade política do partido popular de querer implantar costumes españolas onde nunca houbo este tipo de celebracións.
Para os nacionalistas é lamentable que o PP se preocupe máis de traer corridas de touros que de incentivar medidas para o repoboamento do concello, non é explicable que nun concello como Triacastrela a alcaldesa adique recursos a promover un evento cun elevado custo mentres ano a ano se perde poboación. Esther López dixo que non se viu ao PP tan interesado en defender o sector vacuno de leite como en promover estas exhibicións nas que o gando vacuno sufre un maltrato sen sentido.
A responsábel comarcal do BNG asegurou que a presenza do BNG en gobernos progresistas como Sarria fai que desaparezan estas manifestacións de maltrato animal mentres vemos como a rede caciquil do partido popular trata de manter na comarca estas corridas de touros sexa como sexa. Para o BNG está clara a doble intencionalidade do PP neste asunto: queren impoñer un modelo de festa español que nada ten que ver con Galiza e manterlle o negocio a determinados empresarios deste sector.