O BNG-AA suxire a creación de mecanismos de participación para confeccionar o programa do S. Froilán
Maite Ferreiro reclamoulle ao goberno municipal a convocatoria dunha xuntanza da comisión de festas para que se fagan aportacións e suxestións
Os nacionalistas propuxeron que se conte cos grupos lucenses e con todas as escolas que se adican á ensinanza das diferentes disciplinas artísticas
Lugo, 21 de xullo 2015. A edil do BNG Asambleas Abertas no concello de Lugo, Maite Ferreiro, reclamou hoxe a convocatoria dunha xuntanza da comisión de festas para que se fagan as correspondentes aportacións e suxestións de cara á elaboración do programa do San Froilán 2015 xa que quedan pouco máis de 2 meses para as festas e a estas alturas non se coñece sobre o programa. Ferreiro asegurou que o goberno debería convocar, inmediatamente, unha comisión de festas para que todos os grupos que compoñen a nova corporación poidan facer aportacións á programación do San Froilán 2015 e engadiu que é necearia esta convocatoria para que se reflexe a diversidade da nova composición da corporación municipal.
Para o BNG-Asambleas Abertas é importante que as veciñas e veciños fagan suxestións e é necesario que se abran vías de participación para escoitar as suxestións da xente e facer que todos nos sintamos participes destas festas e facer que sintamos que son as nosas festas. Maite Ferreiro lembrou que cando o BNG tivo responsabilidades na organización do San Froilán a xente puido votar, a través de internet, cales eran os grupos que querían que actuasen nas festas.
Dende o BNG Asambleas Abertas fíxose, hoxe mesmo, unha proposta para que se inclúa no orzamento das festas unha partida económica para que se implique no programa de festas a todos os grupos lucenses que desexen participar e tamén ás escolas de música, teatro, danza e demais disciplinas artísticas que traballan no concello de Lugo. Maite Ferreiro sinalou que temos constatado un importante aumento do número de escolas que se adican ao ensino das diferentes especialidades artísticas e por eso propoñemos que se conte con elas para facer actuacións nas rúas e prazas da cidade durante as festas do San Froilán.
Dende o BNG Asambleas Abertas estamos dispostos a trasladar á comisión de festas todas as propostas que se queiran presentar para as que son festas máis importantes do outono galego dixo Maite Ferreiro que convidou que os diferentes colectivos e persas individuais achegar propostas e iniciativas para o San Froilán 2015. Maite Ferreiro resaltou a importancia do San Froilán como festa de referencia da cidade de Lugo que debe coidarse e potenciarse.
Rolda de prensa no pasillo
Tras a reformulación dos espazos asignados aos grupos políticos, o BNG Asambleas Abertas improvisuou hoxe un espazo na zona común da planta primeira da casa consistorial para atender aos medios de comunicación. Dende o grupo municipal do BNG Asambleas Abertas xa se lle reclamara ao goberno municipal a creación dunha sala de prensa para que os diferentes grupos políticos contaran cun espazo axeitado para trasladarlles aos medios de comunicación as súas propostas e iniciativas.