O BNG APOIA A MANIFESTACIÓN A FAVOR DA CONTINUIDADE DE CEMENTOS COSMOS

O BNG APOIA A MANIFESTACIÓN A FAVOR DA CONTINUIDADE DE CEMENTOS COSMOS

O BNG apoiou a manifestación celebrada hoxe en Sarria e xa presentou iniciativas no Parlamento Galego nas que reclama unha implicación da Xunta para garantir o mantemento da fábrica de Oural

Cosme Pombo afirma que “Cosmos é a única cementeira galega, é viábel, ten mercado, polo que é incomprensíbel que a Xunta permita que bote o peche e se perdan estes empregos"

Sarria, 24 de novembro de 2012. O responsábel comarcal do Bloque Nacionalista Galego en Lugo, Mario Outeiro, xunto ao deputados do BNG no Parlamento Galego, Cosme Pombo e Ana Pontón, o portavoz do BNG en Sarria, Xermán Arias, así como militantes e simpatizantes do BNG da comarca e a xuventude nacionalista de Galiza Nova, apoiaron a manifestación convocada para esta tarde en Sarria, baixo o lema “Na defensa dos nosos sectores produtivos: traballo digno na nosa terra”, no apoio á continuidade de Cementos Cosmos de Oural, algo que o BNG vén defendendo xa que é a única cementeira galega existente na actualidade.

 O BNG presentou nesta semana diversas iniciativas ao Parlamento Galego nas que tal e como afirma o deputado do BNG no Parlamento Galego, Cosme Pombo, “o BNG demanda da Xunta de Galiza que adopte as medidas que sexan necesarias para garantir o mantemento da produción da fábrica de cemento de Oural e os postos de traballo que da mesma dependen, xa que é a única cementeira galega, é viábel, ten recursos e tecnoloxía, e ten mercado, polo que é incomprensíbel que a Xunta permita que bote o peche e se perdan estes empregos directos e indirectos”. Nesta liña, Cosme Pombo afirmou que “no BNG cremos que o noso país ten recursos para saír desta crise, pero só unha mudanza cara o camiño do aproveitamento dos noso sectores produtivos vai permitir recuperar a nosa economía, e o que está a facer o PP despreocupándose ante o posible peche de fábricas coma esta, tan significativas para a economía dunha comarca, é precisamente o contrario”.

O BNG defenque que a fábrica podería estar a plena produción e vendendo todo o material (é a única empresa de cemento en Galiza), pero nestes momentos perde cota de mercado a causa da competencia desleal que lle fai outra planta que o grupo propietario de Cosmos (unha multinacional brasileira) ten en Toral de los Vados, e que vende o 90% da súa produción no mercado galego.

 Mario Outeiro, pola súa parte, incidiu no forte impacto que tería o feche desta factoría na economía local e provincial "xa gravemente enferma"  pola desaparición doutras moitas empresas. Neste senso Outeiro acusa á Xunta de Galiza de permitir a destrución do tecido produtivo lucense. "Día tras día, sucédense as noticias sobre a presentación de máis expedientes de regulación de emprego de extinción e temporais e, non obstante, o Executivo que dirixe Alberto Núñez Feijóo non foi capaz de presentar ningún plan para paliar esta situación. Lugo presenta unha idiosincrasia propia que xustifica a necesidade de pór en marcha políticas especiais que nada teñen que ver coas promovidas polo Partido Popular. "

Por iso, afirmou Mario Outeiro, o BNG presentou tamén ao pleno do Concello de Sarria unha moción “demandando que o propio Concello esixa da Xunta a implicación necesaria para a pervivencia da empresa e os seus postos de traballo”, e tamén, como parte da defensa activa que o BNG realiza polos emprego no noso país, os nacionalistas participamos na manifestación que percorreu as rúas de Sarria na defensa dos empregos de Cementos Cosmos”.

O BNG APOIA A MANIFESTACIÓN A FAVOR DA CONTINUIDADE DE CEMENTOS COSMOS