MARIO OUTEIRO SOLICITA A DEROGACIÓN DO DECRETO DO PLURILINGÜISMO TRALO PRONUNCIAMENTO DO TSXG
Mario Outeiro afirmou que Feijóo debería dimitir logo de ter defendido e levar adiante un Decreto que se presentaba con toda a comunidade educativa e toda a sociedade en contra
Cunha sentenza firme do TSXG enriba da mesa en contra del, temos que solicitar á Xunta de Galiza que derogue o Decreto do Plurilingüismo afirma Outeiro
Lugo, 23 de novembro de 2012. Esta mañá o delegado de Cultura e Turismo da Deputación de Lugo, na rolda de prensa trala Xunta de Goberno da institución, solicitou a derogación do Decreto do Plurilingüismo tralo claro pronunciamento do TSXG e pediu responsabilidades políticas para quen era o máximo mandatario da Xunta de Galiza naquel entón, e que segue sendo, Alberto Núñez Feijóo.
Mario Outeiro afirmou que Feijóo debería dimitir logo de ter defendido e levar adiante un Decreto que se presentaba con toda a comunidade educativa e toda a sociedade en contra, fronte ao que todo o mundo se pronunciou desfavorablemente, desde as institucións aos pais e nais, e que agora o TSXG considera contrario ao dereito. Non somos nós quen o dicimos, é o TSXG o que afirma que o goberno do PP abdicou nas súas funcións á hora de garantir que os nenos e nenas galegas poidan recibir a súa educación na nosa lingua, o galego.
Desde aquí, semanas atrás, xa lembrábamos a chamada de atención que o Consello de Europa facía ao goberno do PP na Xunta por ter a lingua galega desprotexida, apuntando a alarmante cifra de que só o 5% dos colexios de infantil das cidades galegas ensinaba no idioma galego- apuntou Outeiro.
O peor de todo, segundo explicou Mario Outeiro é que fai falta que o TSXG se pronuncie para que os dirixentes do PP, responsables da desfeita para o noso idioma que foi o Decreto, se dean conta de que estaban a impoñer unha normativa que non tiña nin pés nin cabeza, e que permitía cousas tan sen sentido como que o alumnado empregase o castelán malia que fose o galego a lingua en que se imparte a área, materia ou módulo, algo que non facilita a adquisición da destreza esixida ao alumno na lingua propia deste país desde o momento en que se lle permite que non fale ou escriba na lingua galega cando é esta a propia da materia.