COMUNICADO DO BNG DE LUGO DIANTE DA DECISIÓN DE ABANDONAR O GOBERNO MUNICIPAL
O BNG de Lugo, despois de celebradas reunións dos seus organismos de dirección e da súa base militante, na noite de onte, tomou a decisión de abandonar o goberno de coalición do Concello de Lugo, de xeito inmediato. Decisión que se materializou esta mesma mañá coa renuncia dos seus postos de tenentes de alcalde do concelleiro Antón Bao e a Concelleira Paz Abraira.
O BNG ten un código ético nas institucións segundo o cal os cargos públicos que son imputados con acusacións deste tipo abandonan de inmediato os seus cargos para preservar as propias institucións e os propios cidadáns.
Esta é a practica do BNG en todos os casos e atendemos que debe ser a dos restantes partidos políticos. Despois da imputación ao Alcalde por feitos relacionados coa xestión pública e ao non ser atendida a petición de dimisión, o BNG en exercicio de coherencia e coa finalidade de preservar as institucións democráticas abandonamos o goberno.
A negativa do alcalde a dimitir supuxo unha perda de confianza co noso socio de goberno, nuns momentos sociais nos que consideramos que as institucións debense centrar en resolver os graves problemas sociais que existen, e onde os gobernos deben ser exemplo de democracia real e de que non exista ningunha sombra sobre o traballo a prol da veciñanza.
A perda da confianza co noso socio de goberno débese a unha xudicialización da xestión pública que cremos que fai moito dano á nosa cidade e non permite traballar nun goberno sobre o que hai unha sospeita constante.
Dende logo non compartimos en absoluto as declaracións do alcalde desta fin de semana onde afirmou que un bo alcalde é o que ten duas imputacións anuais. Temos unha visión completamente antagónica do que é a xestión democrática dunha institución.
Esto non significa condenar a ninguén, o BNG sempre pon por diante a presunción de inocencia, e así mesmo reclamamos maior axilidade da xustiza á hora de resolver estes procesos xudiciais que provocan un grave dano na nosa cidade.
Dicir que os feitos investigados na actualidade pola xustiza non están vinculados a ningunha etapa na que o BNG formou parte dos gobernos da cidade. Valoramos positivamente a nosa actuación neste ano de goberno no Concello de Lugo, pois centrouse en mellorar a vida dos cidadáns e ser a voz daquelas causas xustas e dos colectivos menos favorecidos, así como contribuír á construír a nación galega desde os concellos.
Abandonamos o goberno da cidade de Lugo e coa coherencia que nos caracteriza seguiremos sendo esixentes e contundentes á hora de desenvolver un proxecto positivo para a cidade e o País, o cal significa que dende logo non imos favorecer o acceso do Partido Popular ao goberno da cidade de Lugo.
O BNG nesta nova etapa seguirá a traballar por Lugo como fixemos sempre, no goberno e na oposición. Isto quere dicir que a nosa posición seguirá sendo clara en defensa e apoio da cidadanía.
Lugo, 21 de novembro de 2012.
BLOQUE NACIONALISTA GALEGO