O BNG ESIXE Á XUNTA IMPLICACIÓN PARA EVITAR O PECHE DE CEMENTOS COSMOS
O BNG xuntouse esta mañá co comité de empresa de Cementos Cosmos para darlle a coñecer as iniciativas presentadas no Parlamento Galego nas que reclama unha implicación da Xunta para garantir o mantemento da fábrica de Oural
Cosme Pombo afirmou que Cosmos é a única cementeira galega, é viábel, ten mercado, polo que é incomprensíbel que a Xunta permita que bote o peche e se perdan estes empregos"
O BNG participará o sábado na manifestación da tarde na defensa da factoría e os postos de traballo de Cementos Cosmos
Sarria, 22 de novembro de 2012. O responsábel comarcal do Bloque Nacionalista Galego en Lugo, Mario Outeiro, xunto ao deputado do BNG no Parlamento Galego, Cosme Pombo, e o portavoz do BNG en Sarria, Xermán Arias, xuntáronse esta mañá co Comité de Empresa de Cementos Cosmos e co director na propia factoría para darlle a coñecer as iniciativas que o grupo parlamentar do BNG rexistrou no Parlamento Galego a favor do mantemento da fábrica de Oural.
Nestas iniciativas, tal e como explicou o deputado do BNG no Parlamento Galego, Cosme Pombo, o BNG demanda da Xunta de Galiza que adopte as medidas que sexan necesarias para garantir o mantemento da produción da fábrica de cemento de Oural e os postos de traballo que da mesma dependen, xa que é a única cementeira galega, é viábel, ten recursos e tecnoloxía, e ten mercado, polo que é incomprensíbel que a Xunta permita que bote o peche e se perdan estes empregos directos e indirectos. Nesta liña, Cosme Pombo afirmou que no BNG cremos que o noso país ten recursos para saír desta crise, pero só unha mudanza cara o camiño do aproveitamento dos noso sectores produtivos vai permitir recuperar a nosa economía, e o que está a facer o PP despreocupándose ante o posible peche de fábricas coma esta, tan significativas para a economía dunha comarca, é precisamente o contrario.
No transcurso da xuntanza, o director da factoría explicou que en Galiza existe mercado para a produción de Cosmos e que as canteiras que explotan teñen aínda unha vida moi longa, polo que a factoría é plenamente viábel pese ao incremento de custes de produción derivados do aumento do prezo da enerxía como o petróleo ou a electricidade. Diante desta problemática, Cosme Pombo afirmou que unha vez máis temos que recalcar o que defendemos sempre: se en Galiza puidésemos decidir sobre a nosa enerxía, como o BNG sempre defendeu, xa que somos exportadores de enerxía eléctrica e tivemos que sufrir os custes sociais e medioambientais para a súa produción aquí, empresas como Cementos Cosmos poderíanse beneficiar dunha tarifa eléctrica máis vantaxosa que faría aínda máis viábel a factoría.