O BNGAsembleas Abertas levará ao pleno unha iniciativa para incrementar a seguridade na N-VI
Rubén Arroxo dixo que trataremos que a corporación se poña dacordo para reclamar ao goberno do estado a construción de carriles de incorporación
O tramo da N-VI que vai dende a Avenida das Américas ata o enlace de Garabolos é unha das zonas con máis tráfico rodado de toda a provincia de Lugo
Lugo, 2 de decembro de 2015. O voceiro municipal do BNG Asembleas Abertas no concello de Lugo anunciou que presentarán unha inciativa dirixida ao pleno para solicitar ao goberno central as melloras necesarias para garantir a seguridade no tramo da N-VI entre a Avenida das Américas e Garabolos, executando carrís de incorporación e iniciando o estudo para o seu desdobramento.
Arroxo lembrou que o tramo da N-VI que vai dende a Avenida das Américas ata o enlace de Garabolos é unha das zonas con máis tráfico rodado de toda a provincia de Lugo e explicou que serve de circunvalación do núcleo urbano e comunica o polígono industrial do Ceao en grande parte da cidade e outras conexións por estrada. Ademais da existencia dun centro escolar na zona, coa apertura do centro comercial de Abella incrementouse significativamente a saída de vehículos cara a N-VI dende estas incorporacións, elevando por tanto os riscos existentes.
Hai que lembrar que xa houbo accidentes de gravidade neste trazado, que cunhas solucións que suporían un gasto relativamente pequeno, dada a importancia e o uso de dita infraestrutura, se poderían evitar afirmou Rubén Arroxo. En novembro do 2014 o BNG presentou unha Proposición non de Lei no Congreso dos Deputados, solicitando o desdobramento deste tramo de estrada e adaptando os accesos á seguridade que se precise, mais a día de hoxe isto está paralizado.