O BNG LEVA AO PARLAMENTO EUROPEO AS OBRAS FEITAS NO RÍO MIÑO
Ana Miranda pediu, ante a comisión europea, unha aclaración sobre a compatibilidade das obras da Fábrica da Luz coas proteccións ambientais desta zona do río Miño
Para o BNG a comisión europea debe estar vixiante sobre a incidencia, de determinadas autorizacións dos organismos estatais, en áreas protexidas por normativas europeas
Lugo, 28 de novembro 2015. O BNG presentou, no parlamento europeo, unha iniciativa sobre a as obras que se están levando a cabo no cauce do río Miño na zona de As Saamasas. A voceira do BNG en Europa, Ana Miranda explicou que presentamos, ante a comisión europea, unha petición de aclaración sobre a compatibilidade destas actuacións coas proteccións ambientais desta zona do río Miño. Ana Miranda lembrou que este tramo do río Miño forma parte da Reserva da Biosfera Terras do Miño ademais de estar integrado na Reserva, está incluida dentro da Rede Natura 2000, e considerada LIC (Lugar de Interés Comunitario).
Para a representante do BNG en Europa chama a antención que haxa todos os impedimentos por parte das administracións para que se poida crear a zona pública de baño e se den todas as facilidades para acometer estas obras de cara a beneficiar unha empresa privada. Ana Miranda sinalou que a comisión europea debe estar vixiante sobre a aplicación e os efectos das autorizacións que emanan dende órganos dependentes dos estados.
Para o BNG resulta sorprendente comprobar que a aprobación e aplicación da lexislación faise para defender os intereses do capital especulativo pasando por riba da protección ambiental e da preservación de espazos naturais tan importantes coma o río Miño e o seu entorno. Ana Miranda engadiu que vemos unha vez máis como Galiza sufre a falta de protección ambiental por parte dos gobernos do estado español e da Xunta de Galiza que permiten o almacenamento, a menos de cen metros do río Miño, de máis de 120.000 litros de combustibles e agora permiten unhas obras que provocan un tremendo impacto para mellorar os redementos económicos da empresa adxudicataria da Fábrica da Luz do Concello de Lugo.