A N-640 é o claro exemplo de abandono da provincia de Lugo por parte do goberno do estado
Rubén Arroxo e Olalla Rodil, candidata de Nós Candidatura Galega por Lugo, visitaron a N-640 ao seu paso polo concello de lugo para denunciar o mal estado do firme
O Ministerio de Fomento é o responsábel desta vía que é a comunicación principal entre Lugo, a Terra Chá, a Mariña e Asturias
Lugo, 27 de novembro de 2015. O voceiro do BNG - Asembleas Abertas no concello de Lugo acompañado da candidata de Nós Candidatura Galega, Olalla Rodil, visitaron a N-640 ao seu paso por Lugo. A N-640 é o claro exemplo de abandono da provincia de Lugo por parte do goberno do estado dixo Olalla Rodil. Rubén Arroxo lembrou que estamos a falar dunha estrada que é a principal comunicación entre Lugo, a Terra Chá, a Mariña e Asturias, que é responsabilidade do Ministerio de Fomento e que está totalmente abandoada.
A candidata de Nós Candidatura Galega comprometeuse a trasladar ao Congreso en Madrid as iniciativas necesarias para que o goberno do estado se faga cargo dos arranxo do firme da estrada N-640 (Lugo-Meira). O firme da N-640 atópase nun deficiente estado de conservación e esto pode provocar accidentes nesta estrada que asume un importante volume de tráfico asegurou Olalla Rodil e explicou que cando chove fórmanse bolsas de auga que se converten nun auténtico perigo para a seguridade vial.
O voceiro do BNG no concello de Lugo, Rubén Arroxo, apuntou que consideramos necesario facer esta demanda dende todos os concellos que atravesa esta estrada N-640 por que o seu mal estado afecta a moita xente destes concellos, da comarca e mesmo ás persoas que transitan dende Lugo cara Asturias. Arroxo lamentou o continuo abandono que o goberno do estado fai da provincia de Lugo e asegurou que existen serias dúbidas de que o propio Ministerio sexa coñecedor do estado real no que se atopa este vial.