O BNG Asembleas Abertas pediu que se empece a traballar para ter este ano hortos urbáns
Rubén Arroxo dixo se o PSOE ten pensado cumprir co seu compromiso aprobado onte é o momento de empezar a preparar o terreo para que os hortos sexan unha realidade
A proposta dos nacionalistas foi feita no ano 2013 e onte aprobáronse preto de 80.000 para crear de hortos urbanos na zona de Casás
Lugo, 1 de abril de 2016. O BNG Asembleas Abertas instou ao goberno municipal a executar a implantación dos hortos urbáns. Segundo lembrou Rubén Arroxo esta foi unha das propostas do BNG acordadas co PSOE para a aprobación dos orzamentos municipais dende o ano 2013 e que este ano, unha vez máis, figura nos orzamentos do concello de Lugo dixo Rubén Arroxo. O voceiro do BNG Asembleas Abertas emprazou ao Goberno Municipal a dotar á cidade de novos hortos urbanos impulsados polo Concello na zona de Casás xa que os hortos son un éxito alí onde se implantan dada a demanda social que teñen. Arroxo afirmou que confiamos en que este novo equipo de goberno cumpra cos compromisos e non se repita o que veu ocurrindo durante anos co PSOE de Orozco.
Segundo Rubén Arroxo esta iniciativa, ademais do seu propio valor ecolóxico ten outras implicacións que contribúen a xerar comunidade, promovendo as relacións sociais e inscribíndose en procesos pedagóxicos e de desenvolvemento comunitario. Así mesmo, poden converterse en balóns de oxíxeno económico para moitas familias desta zona de Lugo. Hai que ter en conta que nesta zona aínda existen persoas maiores que manteñen as súas hortas e que probablemente estivesen encantadas de transmitir os seus coñecementos engadiu Arroxo. Neste sentido comentou a estas iniciativas públicas hai que darlles un sentido social, de maneira que impliquen aos veciños e veciñas e dinamicen a colaboración entre as persoas.
Unha das zonas onde os nacionalistas consideran que se pode implementar esta actuación é a zona norte da cidade, en concreto nos terreos dotacionais situados nas inmediacións do instituto de Casás e que lle corresponden ao concello polo desenvolvemento urbanístico da zona. Rubén Arroxo recalcou que desta maneira se lograrían unhas magníficas zonas verdes fronte a maleza e o lixo que actualmente cubre boa parte destes espazos.
As características dos hortos
Arroxo indicou as características que, a criterio do BNG Asembleas Abertas, se deben de cumprir á hora da implantación dos hortos urbanos municipais. As parcelas deben de ir destinadas a poboación maior de 16 anos, e introduciranse criterios que primen a adxudicación, que se fará por sorteo, a xubilad@s, desempregad@s e familias numerosas. O tamaño das parcelas non debe ser inferior a 20 m². O concello non debe de impoñer ningunha taxa municipal o ben debe ser simbólica. As parcelas irán, unicamente, destinadas a cultivo agrícola e cultivo de plantas ornamentais que terán como finalidade o consumo propio, nunca para comercialización. As obrigas do Concello, a respecto das parcelas, serán a da preparación anual do terreo para o seu cultivo, galpón para gardar os apeiros, reciclaxe dos residuos, sistema de rego, alumeado, balado da parcela, delimitación adecuada das hortas, asesoramento en materia de respeto ao medio ambiente e en produción ecolóxica. Os usuarios terán que cultivar a parcela baixo as normas establecidas polo concello