O BNG Asembleas Abertas absterase na votación da proposta de orzamentos
O voceiro do BNG-AA explicou que facilitaremos a aprobación dos orzamentos pero non lle imos dar un cheque en branco a este goberno que ten o concello paralizado
Rubén Arroxo dixo que este goberno non nos da a confianza suficiente para aprobarlle os orzamentos por que xa vivimos os incumprimentos do acordo de investidura
Lugo, 30 de marzo de 2016. O voceiro do BNG Asembleas Abertas no concello de Lugo, Rubén Arroxo explicou hoxe que, a forza que representa, absterase na votación da proposta de orzamentos que se tratará no vindeiro pleno do concello de Lugo. Arroxo explicou que, na asemblea aberta celebrada onte, decidiuse maioritariamente manter esta posición no pleno ao respecto dos orzamentos para este ano 2016. O BNG AA fará un seguimento pormenorizado da execución dos orzamentos durante este exercicio.
Rubén Arroxo sinalou o feito de que o goberno municipal non fose capaz de presentar os orzamentos ao pleno ata o mes de abril e afirmou que consideramos positivo que se recollesen unhas serie de propostas feitas polo BNG Asembleas Abertas. Arroxo lembrou que fai dous meses o grupo nacionalista presentou un total de 72 propostas para mellorar o concello de Lugo e é certo que o documento recolle unha boa parte delas e por iso imos facilitar a aprobación dos orzamentos.
Tamén é certo que non lle imos dar un cheque en branco a este goberno que xa incumpriu parte dos acordos que asinaron con nos para a investidura e que presentan uns orzamentos que van ter un difícil cumprimento apuntou Arroxo e explicou que algo que nos fai pensar que estes orzamentos son irreais é o feito de que no apartado de ingresos se inclúen 2 millóns de ingresos que dependen doutras institucións e que non se sabe se van ser concedidos ou non. Arroxo dixo que non imos ser cómplices de algo que entendemos que vai ser difícil que se execute, mais tampouco imos frear a posibilidade de que Lugo conte cuns orzamentos para este ano.
O goberno ten a Lugo paralizado por que non é capaz de cumprir cos compromisos que adquiriu con veciños e veciñas e co resto dos grupos nas mocións e acordos tomados no pleno dixo o voceiro do BNG Asembleas Abertas e lembrou que este goberno non nos da a confianza suficiente para aprobarlle os orzamentos por que xa vivimos os incumprimentos do acordo de investidura e lembrou que o goberno incumpriu os acordos impedindo a participación de colectivos no pleno, cousa da que fixeron bandeira, e que na primeira oportunidade xa vetaron.