O BNG-Asembleas Abertas reclama melloras na parroquia de San Mamede dos Anxos
Para Rubén Arroxo son pequenas cuestións que mellorarán moito a vida da parroquia
Lugo, 25 de agosto, 2015. O BNG - Asembleas Abertas tivo unha xuntanza co concelleiro de Medio Rural para tratar algúns dos problemas da parroquia de San Mamede dos Anxos, xuntanza que dende as filas nacionalistas valoraron de moi positiva houbo unha boa acollida destas cuestións por parte do concelleiro, polo que agardamos que se solucionen o antes posible. Entre as problemáticas a tratar aparecían situacións diversas que van dende a solicitude dunha marquesina na parada de autobús, posto que onde paran tanto o urbano coma o escolar carecen disto, ata melloras no local social, executando unha entrada de cemento e arranxando os bancos. Para Rubén Arroxo son pequenas cuestións que mellorarán moito a vida da parroquia.
Tamén se levou unha solicitude de melloras para o lugar de Cardoso, un núcleo de casas que se atopa moi illado, xa que entre outras cuestión teñen problemas ata para que poidan chegar as ambulancias e os taxis pola falta de sinalización. Nese sentido tamén solicitan o amaño dun camiño que foi no seu día cedido polos veciños para conectar este lugar co centro da parroquia, e que hoxe en día se atopa intransitable, obrigando ás veciñas e veciños a dar un rodeo ata a parroquia de Conturiz a maleza e a lameira na que se converteu este firme fixo que este camiño só sirva de paso de tractores, imposibilitando o paso de coches. Tamén neste lugar quixeron reclamar que se finalice a instalación do abastecemento da auga, posto que se iniciou hai máis de 15 anos e as obras aínda non se remataron co fin de levar a auga ata as casas.
Outra das reclamacións que fixeron dende o BNG-Asembleas Abertas foi a de instalar un balado ou un quitamedos na pista que vai de San Mamede a Conturiz na ponte que hai sobre o rego de San Mamede, onde se atopa unha caída vertical de case 3 metros a escasos 50 centímetros da pista.