O BNG DE BARALLA RECLAMA QUE SE ELIMINE O COPAGAMENTO DE MEDICAMENTOS A PERSOAS DOENTES CRÓNICAS
Solicítalle ao alcalde e ao pleno que se posicionen a favor dos seus veciños enfermos
e que lle esixan a Feijoo a súa eliminación
BARALLA, 9 de outubro de 2013. O BNG de Baralla vén de presentar unha moción no concello na que reclama que se elimine o copagamento de medicamentos a persoas doentes crónicas non hospitalizadas na sanidade pública. Os nacionalistas lembran que o PP no goberno do Estado acaba de establecer unha modificación nas condicións de financiamento de medicamentos incluídos na prestación farmacéutica do sistema estatal de Saúde e como consecuencia as persoas doentes crónicas non hospitalizadas tvan ter que pagar das medicinas.
Con esta resolución, o goberno do Estado fixa un novo copagamento para os medicamentos e supón un novo imposto á enfermidade. Desde o 1 de outubro, a persoas doentes crónicas con doenzas graves, van ter que pagar 42 medicamentos de dispensación hospitalaria, fármacos para o tratamento de enfermidades graves: cancro, tumores, leucemia, hepatite C, artrite reumatoide, dexeneración muscular
Unha medida inhumana e inxusta
Estamos a falar de veciños e veciñas, tamén de Baralla, pacientes na maioría dos casos polimedicadas para as cales este novo repago, este novo imposto á enfermidade, supón unha carga moi importante na súa economía, persoas que xa non son quen de chegar a fin de mes e outras que xa nin comezan o mes. Esta medida vai significar o sacrificio e sufrimento para moitas persoas. Para o voceiro nacionalista, X. Manuel Becerra é unha medida inhumana, inxusta, e que retrata un goberno que non pensa na xente, só en lle sacar cartos por todas as vías
Para o BNG este é un novo roubo que forma parte dunha estratexia deseñada para facer caixa a costa das persoas máis desfavorecidas, das persoas que adquiriron preferentes e subordinadas, das emigrantes retornadas, pensionistas, funcionarias, da clase traballadora, para seguir engordando a banca e o poder.
Por iso, O BNG demande a derrogación da resolución do 10 de setembro de 2013, do Goberno do Estado, pola que se estabelece un novo copagamento para medicamentos que se dispensan a través das farmacias hospitalarias a persoas doentes crónicas.
Os nacionalistas esíxenlle ao alcalde que se molle neste tema e que non deixe a súa actuación nun puro paripé. O BNG denuncia así a actitude do alcalde que vén de presumir de asinar a favor da campaña da iniciativa lexislativa popular que se está desenvolvendo para reclamar radioterapia e medicina nuclear no HULA, pero que ao mesmo tempo apoia e defende as políticas do PP de lle facer pagar a pensionistas polos medicamentos, de pagar os desprazamentos en ambulancia e agora os medicamentos dos enfermos de cancro ou hepatite.