O BNG LEVARÁ UNHA INICIATIVA AO PARLAMENTO PARA QUE SE CONSTRÚA UN CENTRO DE SAÚDE NO SGDO CORAZÓN

O BNG LEVARÁ UNHA INICIATIVA AO PARLAMENTO PARA QUE SE CONSTRÚA UN CENTRO DE SAÚDE NO SGDO CORAZÓN

Cosme Pombo presentará unha iniciativa no Parlamento Galego para que a Xunta inclúa a partido orzamentaria necesaria nos orzamentos do 2014

A actual ubicación do centro de saúde foi considerada como “provisional” fai 23 ano

LUGO, 8 de outubro de 2013. O parlamentario do BNG, Cosme Pombo, achegouse hoxe ao centro de saúde do Sagrado Corazón para anunciar a presentación dunha iniciativa no Parlamento Galego para instar á Xunta de Galiza a incluír nos orzamentos do 2014 a partida orzamentaria necesaria para iniciar a construción dun novo Centro de Saúde no barrio do Sagrado Corazón.

O centro de saúde do Sagrado Corazón foi posto en marcha no 1990 nun local que, naquel momento, foi cualificado como provisional ata a construción dun novo edificio. A actual ubicación do centro de saúde acumula e empeora os problemas de espazo, de accesibilidade e de insalubridades existentes dende un inicio.

Un dos maiores problemas deste centro de saúde é o grande número de barreiras arquitectónicas existentes, tanto para o acceso ao propio centro como para a circulación polo interior do mesmo. Tamén son moitos os problemas de salubridade que afectan ao edificio con malos olores procedentes das redes de saneamento e atascos nos sumidoiros que provocan, periodicamente, inundacións de augas fecais no interior do local.

Cosme Pombo dixo que “vintetrés anos despois da súa posta en funcionamento nun local provisional o Centro de Saúde do Sagrado Corazón segue sendo provisional” e para o BNG este local incumpre todos os parámetros de promoción e prevención de saúde. Pombo lembrou que é responsabilidade do PP e da consellería de sanidade dar solución a este asunto que “debe ser prioritario nos orzamentos do ano 2014”.

Para o BNG a construción deste centro de saúde “é unha débeda en materia sanitaria da Xunta de Galiza co barrio do Sagrado Corazón e co concello de Lugo”. Pombo dixo que “agora é o momento de executar sen máis dilacións esta obra xa que non existen atrancos de tipo urbanístico e os terreos están reservados para este fin”. Por todo esto o BNG solicita que o goberno da Xunta inclúa nos orzamentos do ano 2014 as partidas orzamentarias precisas para executar este investimento.

O BNG LEVARÁ UNHA INICIATIVA AO PARLAMENTO PARA QUE SE CONSTRÚA UN CENTRO DE SAÚDE NO SGDO CORAZÓN