O BNG CONVIDA A ASISTIR AO PLENO O VINDEIRO LUNS PARA REXEITAR O RÉXIME FRANQUISTA
O BNG defenderá unha proposición que pretende a condena unánime do franquismo por parte de todos os grupos da corporación
Antón Bao convidou a todas as persoas a asistir ao pleno e lembrou que no Concello de Lugo seguen existindo nomes de rúas que honran a persoeiros do franquismo
LUGO, 4 de outubro de 2013. O BNG de Lugo saíu hoxe á rúa para convidar a veciños e veciñas a asistir ao pleno municipal do vindeiro luns, 7 de outubro, no que os nacionalistas defenderán unha proposición para que os grupos políticos, con representación na corporación, expresen a súa condena á represión aplicada pola ditadura franquista neste concello. Nesta mesma proposición o BNG pedirá que, antes do final deste ano, se reúna a Comisión do Rueiro para proceder ao proceder ao cambio de nome das rúas nas que figuren persoas relacionadas coa ditadura franquista.
Para o BNG as vítimas desa persecución, iniciada no ano 1936, aínda teñen a día de hoxe pendente a reparación do dano causado e a súa dignificación. Foron máis de 250 as persoas represaliadas no concello de Lugo e máis de 8.000 na provincia. No Concello de Lugo seguen existindo nomes de rúas que seguen a honrar a persoeiros do franquismo unicamente por ter colaborado activamente coa dictadura. Cedrón del Valle, Carlos Azcárraga, Ruiz de Alda, General Tella, Tenente Coronel Teijeiro, son algúns exemplos.
A Lei 52/2007, de 26 de decembro, pola que se recoñecen e amplían dereitos e se establecen medidas en favor de quen sufriron persecución ou violencia durante a guerra civil e a ditadura, coñecida popularmente como Lei de Memoria Histórica estipula a eliminación de toda simboloxía ou honores que exalten aquel réxime ou a persoeiros relacionados co mesmo.