PARA O BNG O CONCELLO “ESTÁ PARALIZADO NO QUE SE REFIRE Á XESTIÓN CULTURAL”

PARA O BNG O CONCELLO “ESTÁ PARALIZADO NO QUE SE REFIRE Á XESTIÓN CULTURAL”

sanroque“O Centro Arqueolóxico de San Roque continúa pechado a pesar de que o alcalde anunciou a súa apertura para o mes de novembro do pasado ano” dixo Cristina Ferreiro

O abandono na política cultural manifestase na falta de programación do Gustavo Freire, nunha moi criticada cabalgada de Reises, e a incapacidade, por exemplo, “para poñer as entradas da Mostra de Teatro Clásico á venda a través de internet”.

Lugo, 15 de febreiro de 2014. O Grupo municipal do BNG denunciou a “práctica paralización” xestión municipal. Unha paralización que, para a edil nacionalista Cristina Ferreiro, se manifesta dun xeito claro no referente á política cultural. Ferreiro cualificou de “preocupante” que non se saiba nada da evolución das obras do Centro Arqueolóxico de San Roque. Cristina Ferreiro lembrou que a mediados do pasado mes de outubro o alcalde de Lugo, acompañado da concelleira de cultura, visitaron as obras, anunciaron que rematarían a mediados de novembro de 2013 e que esta instalación museística abriría de novo as súas portas. Esta é unha mostra máis, dixo Ferreiro, “da falta de interese e da inacción deste goberno no referente á política Cultural”.

O BNG levará unha batería de preguntas á Comisión de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua para coñecer se xa están rematadas as obras, cal é o praza previsto para a apertura do Centro Arqueolóxico de San Roque e se existe algún outro impedimento para a apertura do mesmo. O Concello de Lugo chegara a un acordo coa Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta de Galiza, cando o BNG tiña responsabilidades de goberno nesta materia, para subsanar os problemas existentes no Centro Arqueolóxico de San Roque e que impedían a súa apertura ao público.

O acordo establecido entre Xunta e concello fixaba que as obras de rehabilitación se asumiría ao 50% entre ambas administracións. Cada unha das administracións aportarían a metade dos fondos precisos que rondaban os 56.000 €. Este acordo foi acadado, entre Concello e Xunta, aló polo mes de marzo de 2012  e antes da saída do BNG do goberno municipal.

Abandono na política cultural

Cristina Ferreiro criticou a falta de eficiencia na política cultural do goberno do PSOE. “Resulta palpable que o PSOE de Lugo está más preocupado por outras cuestións que por atender á xestión do concello” afirmou a edil do BNG e referiuse á falta de programación no Auditorio Gustavo Freire, a unha moi criticada cabalgada de Reises, e a incapacidade da área de Cultura, por exemplo, “para poñer as entradas da mostra de teatro clásico á venda a través de internet”.

PARA O BNG O CONCELLO “ESTÁ PARALIZADO NO QUE SE REFIRE Á XESTIÓN CULTURAL”