O BNG SOLICITARÁ QUE AS PERSOAS QUE VIVEN NA ZONA DE ALBEIROS RECIBAN ATENCIÓN SOCIAL NA MILAGROSA
Non é lóxico que se teñan que desprazar ata o centro de servizos sociais do Sagrado Corazán dende Albeiros, máxime cando non hai transporte público directo dixo Cristina Ferreiro
A formación nacionalista pedirá que a comisión do rueiro clarifique o nomenclátor nas rúas Fisterra e Villisqueiras
Lugo, 17 de febreiro de 2014. O Grupo municipal do BNG mantivo unha xuntanza cun grupo de veciños e veciñas de Albeiros para coñecer de primeira man as súas demandas e necesidades. Resultado desta xuntanza o BNG solicitará que o concello asigne, de novo, a atención social desta zona ao Centro de Servizos Sociais da Milagrosa. Recentemente, aos habitantes de Albeiros que viven por debaixo da vía do tren, asignouselles o Centro de Servizos Sociais Municipais do Sagrado Corazón como centro de referencia.
A edil nacionalista Cristina Ferreiro dixo que non é lóxico que se teñan que desprazar ata o centro de servizos sociais do Sagrado Corazón dende Albeiros, máxime cando non hai transporte público directo. Para moitas das persoas que viven nesta zona da cidade resulta verdadeiramente complicado desprazarse ata o Sagrado Corazón ao non dispoñer dun servizo directo de transporte público. Ferreiro lembrou o elevado número de persoas que, nesta zona da cidade, precisa acudir con relativa frecuencia ás dependencias municipais de servizos sociais.
Durante a visita ao barrio os veciños e veciñas manifestáronlles ás representantes do BNG queixas derivadas necesidade de mellorar a accesibilidade nas beirarrúas e tamén a respecto da seguridade víal na zona. O BNG trasladaralle unha petición ao equipo de goberno para que analice a posibilidade de instalar sistemas para reducir a velocidade dos vehículos naquelas zonas nas que son frecuentes a saídas de vía por exceso de velocidade e que chegaron, incluso, a afectar a algunhas das vivendas da zona.
Rúa Villisqueiras ou rúa Fisterra
Así mesmo, o BNG solicitará que a comisión do rueiro do concello analice as posibles solucións para o nomenclátor das rúas Villisqueiras e Fisterra. Neste momento ámbalas dúas rúas se atopan deficientemente sinalizadas. A actual conformación do trazado dos viais nesta zona dificulta a definición dos tramos aos que pertencen cada unha das rúas. Veciños e veciñas atópanse con dificultades á hora de recibir o correo ou, mesmo, cando é preciso que unha ambulancia ou outro servizo ten que chegar a un enderezo determinado.