O BNG PREGUNTA POLO PLAN PARADAI E PIDE A RETIRADA DO VALADO DE OBRA DO CAMPO CASTELO

O BNG PREGUNTA POLO PLAN PARADAI E PIDE A RETIRADA DO VALADO DE OBRA DO CAMPO CASTELO

IMG_2579Tras a retirada do guindastre denunciado polo BNG agora, os nacionalistas, solicitan a retirada do valado de obra pola ocupación que supón da vía pública

Os nacionalistas trasladan a comisión de urbanismo unha batería de preguntas sobre o resultado da xuntanza da comisión de seguimento do Plan Paradai

Lugo, a 18 de febreiro de 2014. A voceira do BNG no concello de Lugo presentou, outra vez máis, unha serie de preguntas ao goberno municipal sobre a obra situada na praza do Campo Castelo. Abraira afirmou que “agora que se retirou o guindastre compre o retranqueo do valado de obra para non continuar con esta ocupación do espazo público”. As preguntas foron formuladas ante comisión permanente ordinaria de urbanismo, infraestruturas, medio ambiente e zona rural que se celebrará a vindeira semana no concello de Lugo.

O BNG dirixiuse ao goberno municipal para saber en que situación se atopa neste momento a colocación deste valado de obra en Campo Castelo, a respecto da súa autorización para a ocupación da vía pública, e tamén se o concello vai adoptar medidas para esixir ao promotor o retranqueo deste valado. Para o BNG, en caso de non adoptar medidas a propiedade, o concello debería tomar medidas para evitar a ocupación da vía pública por máis tempo.

O pasado mes o BNG denunciara a suposta infracción dun promotor pola situación dunha obra iniciada no Campo Castelo. Tras estas denuncias públicas o promotor da obra procedeu á retirada do guindastre mais continúa o valado de obra ocupando a vía pública. A existencia deste valado de obra, dende hai máis dunha década, dificulta a circulación por unha zona tan transitada como esta e produce perxuizos importantes aos locais comerciais da zona.

Plan Paradai

O BNG presentou unha batería de preguntas para a vindeira comisión de urbanismo que se celebrará no concello de Lugo sobre o resultado da xuntanza mantida pola comisión de seguimento do Plan Paradai. Para o BNG compre saber a que acordos se chegou, na xuntanza celebrada por esta comisión, e que compromisos adquiriron a Xunta de Galiza e o concello de Lugo. A voceira do BNG no concello, Paz Abraira, manifestou a súa preocupación por saber se “a Xunta ten ou non intención de continuar co desenvolvemento das obras pendentes do Plan Paradai” e tamén se “o goberno municipal considera que se poidan producir máis problemas nas obras”.

Para Paz Abraira “é prioritario que avancen as obras pendentes do plan Paradai” e denunciou que “non hai información clara sobre a data na que van estar rematadas estas obras e tanto PP como PSOE ocultan o resultado da xuntanza da comisión de seguimento”. Para o BNG o remate destas obras melloraría considerablemente o estado dos barrios de As Gándaras e Paradai. Abraira asegurou que “continúa o culebrón do plan Paradai co PP e PSOE como actores principais que pretenden que os lucenses exerzamos de espectadores pasivos”.

O BNG PREGUNTA POLO PLAN PARADAI E PIDE A RETIRADA DO VALADO DE OBRA DO CAMPO CASTELO