O BNG CONSIDERA ALARMANTE O RECORTE EN MATERIA DE REHABILITACIÓN DE CASCOS HISTÓRICOS FEITO POLO PP
Lugo contará con 60.000 para rehabilitación de núcleos rurais e cascos históricos fronte ao millón de euros que lle correspondería para este ano
A falta de investimentos supón o abandono, por parte da Xunta, das obras de rehabilitación do barrio da Tinería
Lugo, a 4 de xaneiro de 2013. Antón Bao manifestou hoxe a preocupación do BNG de Lugo ante a drástica baixada do orzamento que estaba previsto para este ano 2013 nos orzamentos da xunta destinados á rehabilitación de cascos históricos. Segundo o voceiro do BNG no concello de Lugo este recorte supón unha nova mostra do abandono de Lugo por parte do goberno do partido popular na Xunta de Galiza . A cantidade que estaba prevista esta partida para o ano 2013 no documento dos orzamentos do ano 2012 era de 1.400.000 mentres que agora, nos orzamentos de 2013, aparecen somentes 275.000 . Desta cantidade global a Lugo corresponderanlle 60.000 o que significa, segundo Antón Bao, unha paralización total das obras de rehabilitación do barrio da Tinería.
A falta de orzamento para a rehabilitación do barrio da Tinería supón a paralización dunhas obras necesarias para unha zona con posibilidades de desenvolvemento e creación de emprego no sector da hostalería e turismo. Antón Bao insistiu en que esta zona precisa investimento para a súa adecuación, recuperación e posta en valor xa que se trata dun entorno privilexiado que forma parte do patrimonio histórico da cidade e pola cercanía a un monumento patrimonio da humanidade como é a muralla. O voceiro nacionalista engadiu que compre a rehabilitación da Tinería xa que a ubicación resulta propicia para a instalación de novas iniciativas empresarias e económicas, por exemplo nos sectores da hostalería e da artesanía, tan necesarias nestes momentos.
Antón Bao aproveitou a visita á zona da Tinería para reclamar da Xunta de Galiza unha solución para o alumeado da muralla xa que, dixo, nestes novos orzamentos os fondos para mantemento da muralla advírtense escasos e segue sen dárselle solución ao tema do alumeado. Segundo Bao Lugo precisa de investimentos para manter un patrimonio que é de todos os galegos e estes investimentos non aparecen por ningún lado.
Edificios abandonados
Antón Bao ve preocupante esta falta de investimento na cidade xa que implica un rápido deterioro de zonas do casco histórico ao que hai que sumar o estado de abandono de outros edificios que son responsabilidade da Xunta de Galiza como o cuartel de San Fernando, o edificio da antiga Residencia ou o edificio da Estación de Autobuses. Para o BNG a falta de compromiso coa rehabilitación do casco histórico e co mantemento destes edificios é unha constatación máis de que o goberno do PP na Xunta ten abandonado a Lugo.