O BNG SOLICITOU QUE SE CONVOQUE, DE INMEDIATO A COMISIÓN ESPECIAL MIXTA DE DESAFUIZAMENTOS
Esta Comisión, creada a instancias do BNG, constituíuse o pasado 27 de novembro e acordouse unha periodicidade quincenal para as xuntanzas
O goberno municipal segue sen convocar esta comisión na que están implicados colectivos de afectados, diversas entidades, e representantes dos grupos políticos
LUGO, 8 de xaneiro de 2013. O Bloque Nacionalista Galego presentou, a través do rexistro do concello, a solicitude formal para que se celebre a xuntanza da Comisión Especial Mixta de Desafiuzamentos. Esta comisión reuniuse por primeira vez o pasado 27 de novembro e, entres os acordos tomados, marcouse un prazo de 15 días para celebrar unha nova xuntanza. Paz Abraira lembrou que esta Comisión, creada a instancias do BNG, acordou na súa constitución unha periodicidade quincenal para as xuntanzas. O BNG xa reclamou, no seu momento, que a xuntanza se celebrara antes das datas do nadal.
Para o BNG non é serio que o goberno municipal incumpra o seu compromiso cos colectivos e persoas que forman parte desta comisión especial. Abraira explicou que a comisión está formada por persoal técnico do Concello de Lugo, membros dos colectivos de afectados polas hipotecas, asociacións de veciños da cidade, colexo de avogados, e representantes de todos os grupos políticos.
Segundo informou o voceiro nacionalista o obxectivo desta comisión é o de traballar en tres eixos: prestar asesoramento técnico e legal a aquelas persoas afectadas por desafiuzamento, mediar diante das entidades bancarias para paralizar estes desafiuzamentos e, en terceiro lugar, ofrecer cobertura social ás persoas desafiuzadas a través dos servizos sociais municipais.
Na primeira xuntanza da Comisión Municipal de Desafiuzamentos tomáronse unha serie de acordos e hai que analizar o cumprimento dos mesmos. Abraira explicou que a Comisión ten que ser coñecedora de si as entidades bancarias lle remitiron ao concello a información sobre o número de afectados no concello polos desafiuzamentos de primeira vivenda.
Segundo os datos que obran en mans dos servizos sociais do concello de Lugo cada vez son máis as familias e as persoas que teñen dificultades para cubrir as súas necesidades básicas. Estanse a dar moitos casos nos que a xente non pode asumir o pago dos recibos das hipotecas de primeira vivenda, tamén está a haber problemas para facer fronte ao pago dos alugueiros e moitas familias tamén precisan de axuda para ter comida e roupa para os nenos.
Propostas do BNG para os orzamentos municipais
Paz Abraira explicou tamén que o BNG xa condicionou a aprobación dos orzamentos á introducción de determinadas partidas destinadas a paliar os efectos dos desafiuzamentos. Entre outras propostas, o BNG, plantexou empregar os cartos que se aforren das pagas extras dos concelleiros, uns 46.000 , en facer fronte aos recibos de hipotecas de lucenses qeu corren o risco de perder a súa vivenda. O BNG tamén pediu que, nos orzamentos do concello para o 2013, se ampliaran as partidas de emerxencia social e dos programas de axudas para alugueiro. O BNG esixiu, ademais, máis fondos nas partidas para as axudas de gastos de mantemento da vivenda.