O BNG CONVIDA A TODA A CIDADANÍA Á MANIFESTACIÓN DESTE DOMINGO

O BNG CONVIDA A TODA A CIDADANÍA Á MANIFESTACIÓN DESTE DOMINGO

O concello de Santiago, gobernado polo PP, ven de denegar a conexión eléctrica ao BNG para os actos do día 15 de setembro

A mobilización celebrarase baixo o lema “Por unha Patria Soberana”

 Lugo, 13 de setembro de 2013. O Bloque Nacionalista Galego chama a unha participación masiva na manifestación do vindeiro domingo, 15 de setembro, en Santiago de Compostela. Con esta mobilización, que se celebra baixo o lema Por unha Patria Soberana, o BNG quere chamar a atención sobre a necesidade “de contar cunha soberanía propia na Galiza para defender as conquistas sociais e rescatar a democracia secuestrada polos poderes económicos”.

Despois de coñecer que o concello de Santiago, gobernado polo PP, lle denegou a conexión eléctrica aos organizadores desta mobilización, a responsábel comarcal de Lugo dixo que “non nos calarán, temos que ir a nos manifestar por unha galiza ceibe plural democrática e respectuosa coas liberdades civís”. Estas declaracións producíronse durante un reparto de propaganda que cargos orgánicos e institucionais do BNG fixeron na cidade de Lugo.

Esther López, responsábel da formación nacionalista, asegura que “co 23% de paro e o 50 % de paro xuvenil, recorte de servizos e dereitos, estafas bancarias, desafiuzamentos, medre das desigualdades e da exclusión social... A prioridade para o BNG é combater a crise, unha crise que é roubo aos pobos e ás clases populares”. O BNG aposta pola autoorganización do pobo galego e por esixir ao Partido Popular que mude as súas políticas que destrúen emprego, pechan empresas, crean pobreza e desigualdades sociais e rematan co benestar dos cidadáns.

Esther López convidou a toda a xente a participar nesta mobilización e insistiu na importancia da mobilización masiva “para que os populares se decaten de que a maioría social está na súa contra e non aproba o seu xeito de gobernar. Todos os que queiran un cambio a mellor neste país, con independencia das súas sensibilidades políticas, e non queiran ser gobernados por un partido corrupto que mentres os seus dirixentes piden sacrificios ao pobo estes cobran sobresoldos en negro”.

Haberá autobuses dispoñíbeis para todos e todas as que queiran achegarse a Santiago de Compostela e que poderán reservar praza e informarse dos puntos de saída no teléfono: 982.280 410.

O BNG CONVIDA A TODA A CIDADANÍA Á MANIFESTACIÓN DESTE DOMINGO