O BNG INICIA UNHA CAMPAÑA PARA HOMENAXEAR ÁS VÍTIMAS LUCENSES DO FRANQUISMO

O BNG INICIA UNHA CAMPAÑA PARA HOMENAXEAR ÁS VÍTIMAS LUCENSES DO FRANQUISMO

Antonio Veiga afirmou que “estamos a iniciar simplemente un acto necesario, de xustiza e dignidade, xunto á sociedade lucense para todos aqueles que sufriron a represión”

Mario Outeiro fixo un chamamento a participar no pleno da Deputación do 24 de setembro na que o BNG defende nunha moción para restituír institucional e socialmente a honra ás vítimas lucenses do franquismo

Lugo, 16 de setembro de 2013. O BNG presentou esta mañá na Praza da Soidade a campaña que levará a cabo para honrar a memoria das persoas que padeceron o terror franquista por defenderen unha sociedade xusta, igualitaria e democrática, rehabilitando social e institucionalmente ás vítimas do franquismo. Na presentación desta campaña participaron a responsábel comarcal do BNG de Lugo, Esther López, os deputados provinciais do BNG en Lugo, Mario Outeiro e Antonio Veiga, xunto aos concelleiros do BNG en Lugo, Antón Bao e Paz Abraira, e o responsábel local do BNG en Lugo, Alexandre Penas.

O portavoz do BNG na Deputación de Lugo, Mario Outeiro, explicou que dentro dos actos da campaña que se inicia hoxe procederase ao reparto de material informativo coa listaxe dos nomes das persoas represaliadas en Lugo, “porque son arredor de 8000 persoas en toda a provincia, é a listaxe dos nomes da dignidade, lucenses que foron  asasinados ou que padeceron a represión por defenderen a causa da democracia e das liberdades republicanas, con elas acaba o golpe de estado de 1936, a feroz represión que o acompaña, a guerra civil que provoca e a ditadura que se instaura como consecuencia da vitoria franquista. É hora de mudar a historia porque cando entran en conflito as memorias dos vencidos e as dos vencedores, por definición, sempre trunfan as destes últimos”.

Mario Outeiro lembrou que desde as institucións nas que o BNG ten responsabilidade de goberno xa se desenvolveron outros actos de homenaxe e recoñecemento ás persoas vítimas do franquismo “porque para nós a memoria, o recoñecemento e o exemplo das vítimas do franquismo é un actuar diario. Memoria que está sempre con nos, porque é un patrimonio de dignidade, de cultura cívica e tamén de aspiración a unha outra sociedade máis libre e merecente de considerarse democrática. Recoñecemento que é recuperación e restitución das súas figuras, por seren capaces de aspirar a un modelo social que xire arredor do triangulo da xustiza, da igualdade e dun modelo político no que o pobo sexa realmente que máis ordene. E exemplo do que a barbarie e o terror non quixo que fosemos, exemplo dun patrón de comportamento ético e comprometido coas maiorías sociais”. Outeiro convidou a todas as persoas a participar no pleno da Deputación do vindeiro 24 de setembro, ás 11 da mañá, no que se procederá a restituír institucional e socialmente ás persoas represaliadas polo franquismo e no que “o PP terá unha nova ocasión para demostrar se é capaz de rachar os vínculos que aínda os xonguen a este pasado escuro ou se pola contra se manteñen nestes ideais, como recentemente demostrou o alcalde de Baralla”.

Na mesma liña, Antonio Veiga, deputado do BNG na Deputación e vicepresidente da mesma, afirmou que “estamos a iniciar simplemente un acto necesario, de xustiza e dignidade, xunto á sociedade lucense para todos aqueles que sufriron a represión”. Na súa intervención, Veiga recolleu as palabras escritas nunha carta, pouco antes de ser fusilado, polo membro do POUM, José Ramos, ao alcalde republicano de Lugo, Francisco Lamas, na que pide aos amigos que teñan “o absoluto convencemento de que morreremos nas nosas ideas e con toda serenidade, só nos amarga que o motivo do noso fusilamento sexan as nosas condutas políticas e non que non nos batéramos ben co inimigo. Sede optimistas e non teñades pena pola nosa situación, agora que cando poidades facédenos xustiza”.

Por iso, Veiga afirmou que “esta campaña é ese acto de xustiza que Ramos solicitaba e nós, xunto á sociedade lucense, debemos lograr que así sexa. E, tamén como Castelao dixo no 37, ‘Na miña terra cumprirase a vontade dos mártires’, polo que nós seguiremos traballando para que así sexa”.

Antón Bao lembrou na súa intervención que “son máis de 250 persoas represaliadas en Lugo e 8000 en toda a provincia, nomes algúns coñecidos e moitos anónimos, que non deben ficar no esquecemento, da mesma maneira que non deben ficar no esquecemento todas as mulleres represaliadas que non está na listaxe, pero foron repudiadas, violadas, esquecidas, enfrontadas soas a todo, que teceron tantas veces redes de resistencia e solidariedade colectiva, para elas vai tamén esta homenaxe”.

O BNG INICIA UNHA CAMPAÑA PARA HOMENAXEAR ÁS VÍTIMAS LUCENSES DO FRANQUISMO