O BNG CRITICA O ENTREGUISMO DAS INSTITUCIÓNS PÚBLICAS LUCENSES A INTERESES PRIVADOS
Paz Abraira afirmou que é, polo menos cuestionable, a actuación do PSOE tanto no caso da venda das accións do Lugo como no caso da cesión do Edificio do Hospital de San Xosé
Agora o BNG quere saber que vai suceder coa subvención que o CD Lugo ten concedida polo concello de Lugo para o ano 2015 e cos orzamentos participativos municipais
Lugo, 13 de xaneiro de 2015. A voceira do BNG no concello de Lugo, Paz Abraira, criticou o entreguismo das institucións púlblicas lucenses aos intereses privados. Abraira referiuse, neste caso, á modificación que se vai facer das bases do concurso público de venta de accións da SAD do CD Lugo para adaptalas ás esixencias do suposto comprador. A voceira do BNG fixo alusión, tamén, ao procedemento de cesión do Hospital de San Xosé por parte da Deputación de Lugo.
Para o BNG non é normal que as institución púlblicas se poñan ao servizo dunha SAD Deportiva e ao servizo de intereses privados. Abraira lembrou que tanto o concello de Lugo como a deputación utilizaban como garantía para a recuperación dos cartos gastados nas accións da SAD do CD Lugo o importe das subvencións nominativas que estas entidades conceden anualmente á entidade deportiva e engadiu que agora os cartos non se recuperarán de xeito inmediato e non sabemos que cal vai ser o criterio do Concello á hora da concesión da subvención nominativa ao CD Lugo neste ano 2015 de non facerse efectivo este ano o cobro da totalidade das accións.
Abraira lembrou, tamén, que o goberno municipal socialista anunciou a bombo e platillo que adicaría unha parte importante dos cartos procedentes da venda das accións e preguntou como lle afecta a paralización do proceso de venda de accións do CD Lugo á partida de Investimentos dos orzamentos destinada a Orzamentos Participativos?. Para o BNG está claro que este é o concepto que o PSOE ten dos orzamentos participativos, aínda non pasou un mes dende a aprobación dos orzamentos e xa quedaron sen fondos para a súa medida estrela para o 2015.
Para o BNG compre que as institucións públicas aposten polo apoio ao deporte de base e non pode ser que sexan utilizadas como intermediarias-prestamistas para o mercadeo de accións de Sociedades Anónimas Deportivas propietarias de clubes deportivos de elite. Os nacionalistas puntualizaron que tanto no caso das accións do Lugo como na cesión do Edificio do Hospital de San Xosé as bases dos concursos públicos parecen feitas á medida para alguén concreto.