O BNG CRITICA A FALTA DE INTERÉS DE INDUSTRIA POLA EMPRESA CEMENTOS COSMOS
O deputado Cosme Pombo lamentou a falta de compromiso do novo conselleiro de Industria cunha empresa que cualificou de punteira na produción de cemento galego
Santiago de Compostela, 19 de decembro, 2012. O deputado do BNG, Cosme Pombo formulou hoxe unha pregunta parlamentaria ao Conselleiro de Industria sobre as xestións da Xunta de Galiza para garantir a continuidade da actividade empresarial e posto de traballo da factoría de Cementos Cosmos S.A, Oural na Comarca de Sarria.
En resposta á pregunta nacionalista, o conselleiro Francisco Conde non comprometeu ningunha iniciativa coa empresa nin co comité de traballadores presentes no debate argumentando que é a propia empresa quen debe tomar as decisións de seguiren coa actividade.
Na súa intervención, o parlamentario do BNG explicou que a fábrica de Oural é unha empresa con máis de cincuenta anos de funcionamento e un importante impacto económico na comarca de Sarria producindo cemento de grande calidade recoñecido como un dos mellores de toda Europa.
Asemade, engadiu, a empresa cambiou de donos en varias ocasións e na actualidade está controlada por capital brasileiro. Segundo teñen denunciado os traballadores,dixo, hai unha clara intención por parte desta dirección de pechar a empresa e potenciar a que existe en Toral de Los Vados. Cosme Pombo asegurou que a intención do grupo empresarial consiste en eliminar a produción do cemento galego para vender o que se produce na factoría leonesa.
O parlamentario nacionalista instou ao Parlamento galego a defender a actividade da fábrica de Oural e reclamar da Xunta actuacións urxentes que garantan a súa continuidade e postos de traballo, extremo sobre o que o actual conselleiro de Industria non se pronunciou.