O BNG DEFENDE NO PARLAMENTO ELIMINAR AS TOURADAS EN GALIZA

Xuntanza de Ana Pontón e Cosme Pombo coa Plataforma Sarria Libre de Touradas
O BNG DEFENDE NO PARLAMENTO ELIMINAR AS TOURADAS EN GALIZA

Os deputados do BNG, Ana Pontón e Cosme Pombo participarán o vindeiro domingo na manifestación convocada pola plataforma “Sarria libre de Touradas” en apoio  a protección dos animais e  erradicación de “prácticas cruentas”

Sarria, 18 de xuño, 2013. Os deputados do BNG, Ana Pontón e Cosme Pombo mantiveron hoxe un encontro, en sede parlamentar, coa plataforma “Sarria Libre de Touradas” á que lle fixeron entrega da proposta nacionalista  destinada  a modificar a  lei para   prohibir as corridas de touros e  espectáculos que inclúan a morte do animal co aplicación das sortes  de “pica, banderillas e estoque”.

A parlamentaria do BNG denunciou a celebración dunha corrida de touros financiada con cartos públicos e anunciou o apoio á mobilización prevista en Sarria coincidindo coa celebración das touradas. Pontón afirmou que “as touradas non son cultura” e só podemos cualificalas, dixo, de “barbaridade”.

Asemade, engadiu, “non teñen nada que ver coa cultura galega” e dende o BNG “seguiremos traballando ata que consigamos ter unha Galiza libre de touradas”.

Pola súa parte, a representante da plataforma “Sarria libre sen  touradas” condenou o gasto público realizado polo concello o ano pasado, “50 mil euros aos que se sumaron 8.000 euros máis de perdas”, na celebración dunha tourada coincidindo coa festividade de San Xoán, tourada que se  organizará tamén este vindeiro día 23  de xuño e nesta ocasión,  acompañada dunha feira andaluza e concurso de  traxe sevillano.

En opinión da representante da plataforma, os fondos públicos destinados a este espectáculo taurino terían mellor destino  se foran empregados en   servizos sociais, “dada a circunstancia de crise económica que padecen os sarrianos e sarriás”, concluíu.

O BNG DEFENDE NO PARLAMENTO ELIMINAR AS TOURADAS EN GALIZA