O FORO DE IGUALDADE ABORDARÁ A PRESENZA DAS MULLERES NO DEPORTE LUCENSE
O BNG propuxo que o Concello analice a situación das mulleres no deporte lucense
Os cartos públicos que se destinan ás entidades deportivas deben servir para promover a participación das mulleres no deporte
Lugo, a 20 de xuño de 2013. No foro de igualdade celebrado hoxe no concello de Lugo o goberno municipal deu contestación a unha pregunta presentada polo BNG sobre as posibilidades de integración de mulleres nos equipos que participan nas probas do Corre con Nos. A raíz desta cuestión foron moitas as voces das representantes de diversos colectivos que manifestaron a súa preocupación pola promoción da participación feminina nos equipos deportivos que reciben axudas públicas das institucións. Varios colectivos denunciaron ás aportacións millonarias das institucións ao CD Lugo, un clube que non conta con ningún equipo feminino entre as súas categorías de base.
A representante do BNG no Foro de Igualdade do Concello de Lugo, Paz Abraira, pediu que se faga unha análise dos equipos existentes no concello para coñecer o número de mulleres integradas nos mesmos. Abraira recoñeceu o esforzo que se fixo, dende a área de Deportes do Concello de Lugo, por promover a integración das mulleres pero dixo que é hora de dar pasos para mellorar e promover a participación de mulleres naquelas entidades que reciben importantes sumas de cartos de fondos públicos e en probas organizadas polo propio Concello como é o caso do Corre con Nos.
Segundo informou Paz Abraira desta xuntanza saíu a proposta de que na próxima comisión de Igualdade compareza o Concelleiro de Deportes para explicar cales son as medidas que se están a aplicar, dende a Concellería de Deportes, para impulsar a participación das mulleres nos equipos e nas actividades deportivas. Abraira dixo, tamén, que na xuntanza de hoxe quedou patente a practica do deporte entre as mulleres é moita máis baixa entre as mulleres, sobre todo a partir dos 25 anos. Dende o Foro de Igualdade tamén se sinalou que se deben promover probas deportivas, non competitivas, que permitan e promovan a participación igualitaria de mulleres e homes con independencia da súa idade e condición física.