O BNG PRESENTARÁ UNHA MOCIÓN RECLAMANDO QUE SE MANTEÑAN OS ACHÁDEGOS ARQUEOLÓXICOS DE COESES

Visita de Concelleiros do BNG coa Deputada Rosana Pérez ás obras da A-54
O BNG PRESENTARÁ UNHA MOCIÓN RECLAMANDO QUE SE MANTEÑAN OS ACHÁDEGOS ARQUEOLÓXICOS DE COESES

 

Os nacionalistas pedirán á catalogación dos restos atopados coa finalidade de incorporalos ao patrimonio protexido do Concello. 

Antón Bao dixo que “o Ministerio de Fomento e a Xunta ocultan información sobre o que alí atoparon e esto delata a súas intencións”

Lugo, a 21 de xuño de 2013. O BNG defenderá, no vindeiro pleno municipal, unha moción para instar ao Ministerio de Fomento e á Xunta de Galiza a deseñar un plano de conservación e posta en valor do conxunto arqueolóxico de Coeses. Segundo Antón Bao “é preciso que este plan de actuación inclúa un novo trazado da autovía Lugo-Santiago que evite a destrución destes achádegos que teñen máis que contrastada a súa importancia”. A moción presentada polos nacionalistas tamén demanda que o Goberno Municipal, en colaboración coa Dirección Xeral de Patrimonio, acometa a catalogación de  todos os restos arqueolóxicos atopados coa finalidade de incorporalos ao patrimonio protexido do Concello.

O voceiro do BNG no concello de Lugo, Antón Bao, dixo que os representantes do BNG no Parlamento Galego e no Congreso dos Deputados xa teñen presentadas diversas iniciativas para coñecer a importancia dos restos atopados e sobre as intencións do Ministerio e da Xunta sobre a súa conservación. Para o BNG está claro que “tanto o Ministerio como a Xunta ocultan información sobre o que alí atoparon e a súa importancia” e esto “delata as intencións do Ministerio de Fomento que non pasan por conservar os restos e proceder ao necesario desvío do trazado desta infraestrutura que xa conta con importantes retrasos na súa construción”.

 

Antón Bao explicou que “este conxunto consta de tres partes: o Castro de Valente por un lado,  a Chousa do Castro por outro e no medio os transcendentais restos de inhumacións que serían destruídos polo actual trazado da Autovía”. Bao sinalou que “no BNG entendemos que todos os restos atopados deben ser tratados en conxunto xa que posúen un valor inconmensurable non só para Lugo senón para o conxunto da historia e do patrimonio galego, o cal necesariamente debe implicar a súa conservación e estudo”.

Os  restos arqueolóxicos atopados nas obras da Autovía Lugo-Compostela na parroquia lucense de Coeses son, segundo todos os expertos, un achado singular e importantísimo por tratarse dun conxunto arqueolóxico único e que permitiría coa súa conservación, abrir novas vías de investigación científica arredor do pasado castrexo lucense e galego, despexando incógnitas sobre as tradicións mortuorias até o de agora practicamente descoñecidas.

Para o BNG resulta lamentable que un proxecto destas características non contemple a protección do noso patrimonio xa que a existencia do Castro era coñecida e recoñecida por técnicos, especialistas e a propia toponimía do lugar indica, claramente, a existencia dun lugar que debe ser considerado de alta protección. Houbo xa dous cambios mínimos no trazado para evitar a destrución do Castro de Valente e da necrópole de icineración pero non se acometeu a desviación necesaria para evitar a destrución do xacemento que engloba a todo o xacemento de Coeses que é único no seu conxunto.

O BNG PRESENTARÁ UNHA MOCIÓN RECLAMANDO QUE SE MANTEÑAN OS ACHÁDEGOS ARQUEOLÓXICOS DE COESES