O BNG DENUNCIA O AGRAVIO COMPARATIVO QUE SUPÓN A EXENCIÓN DO PAGO DO IBI Á IGREXIA

O BNG DENUNCIA O AGRAVIO COMPARATIVO QUE SUPÓN A EXENCIÓN DO PAGO DO IBI Á IGREXIA

O goberno municipal otorgou a exención permanente do pago do IBI, sobre catro inmobles, a dúas congregacións relixiosas

Antón Bao dixo que “a Igrexa Católica demanda dos cidadáns que contribuan ao seu mantemento, cos seus impostos, mentres trata de evadir o seu pago”

Lugo, a 22 de xuño de 2013. O goberno municipal do concello de Lugo ven de estimar a solicitude de dúas congregacións relixiosas nas que se solicitaba a exención permanente na cota do Imposto sobre Bens Inmobles para un total de catro inmobles situados no casco urbano da cidade de Lugo. As solicitudes foron presentadas pola Congregación de Hermanas da Compañía da Cruz e a Congregación Hermanitas dos Ancianos Desamparados. Para o BNG non é de recibo que o goberno municipal, en máns do PSOE, estime este tipo de solicitudes, sen máis, cando se trata de edificios que non teñen ningún tipo de uso vinculado ao culto, nin á ensinanza. Para o BNG trátase “dun agravio comparativo con respecto aos veciños e veciñas de Lugo que pagan relixiosamente os seus impostos”. Antón Bao sinalou que “estas exencións aplícanse a pisos, casas e terreos que non teñen ningún uso máis que o residencial e o cultivo de hortalizas”.

O concello de Lugo aplicará unha exención permanente do pago do IBI e, ademais, anulará os recibos xa emitidos sobre o imposto referido ao ano 2013. Esta exención aplicarase, por unha banda, a catro propiedades da Congregación Hermanitas dos Ancianos Desamparados que son: unha vivenda unifamiliar na rúa Serra Gañidoira, un terreo urbano de 215 m2 na rúa Monte Pena Maior,  un piso de 80 m2 na rampa de Claudio López e un piso de 90 m2 na rúa San Roque. Estas mesmas exencións aplicaranse tamén ao edificio que a  Congregación de Hermanas da Compañía da Cruz posúen na rúa Miguel de Cervantes.

Antón Bao dixo que “a Igrexa Católica demanda dos cidadáns que contribúan ao seu mantemento, cos seus impostos, mentres trata de evadir o seu pago”. Antón Bao explicou que “existen sentenzas xudiciais recentes que avalan a obriga da Igrexa de realizar este pagamento en igualdade de condicións que o resto da cidadanía”. Recentemente o Xulgado do Contencioso administrativo nº2 de Ourense fallaba a favor do Concello de Allariz a respecto do pagamento do IBI por parte da igrexa católica. Deste xeito o concello alaricano poderá cobrar o correspondente imposto a aqueles bens propiedade da igrexa que fican fóra dos supostos recollidos polo Concordato. Para o BNG “non é normal que o concello de Lugo, sabedor da existencia destas sentencias, conceda as exencións neste tipo de inmobles”.

O Bloque Nacionalista Galego xa ten presentado, en diversas ocasións, iniciativas reclamando que o concello de Lugo lle pase ao cobro o IBI de todos aqueles inmobles e fincas ubicadas no Concello de Lugo, pertencentes á igrexa ou congregacións relixiosas. O BNG tamén demandou do goberno municipal que se realice un inventario deses bens inmobiliarios para coñecer todos aqueles afectados e susceptibles de cobro.

O BNG xa defendera, tamén, unha moción no pleno municipal na que se instaba ao  goberno do Estado a revisar e modificar os acordos internacionais asinados coa Santa Sé para adecuarse ao carácter aconfesional do Estado español, e que supoñan a supresión dos privilexios dos que goza a Igrexa Católica e nomeadamente permita a suxeición ao IBI do seu patrimonio. Naquel momento a moción fora aprobada cos votos favorables do BNG e dos socialistas e contou coa oposición do grupo do PP.

O BNG DENUNCIA O AGRAVIO COMPARATIVO QUE SUPÓN A EXENCIÓN DO PAGO DO IBI Á IGREXIA