O BNG DEMANDARÁ NO PLENO UN PLAN DE EMPREGO FEMININO EN GALIZA

O BNG DEMANDARÁ NO PLENO UN PLAN DE EMPREGO FEMININO EN GALIZA

fotos 300Cristina Ferreiro dixo que “a pesar de escoitarmos insistentemente o discurso da igualdade conseguida, a realidade reflicte que a fenda salarial continúa ampliándose e as mulleres son as principais afectadas”

A diferencia salarial entre homes e mulleres supera en Galiza a do resto do estado e as dificultades para atopar emprego son moito maiores

Lugo, 20 de febreiro 2015. O BNG, a través dunha proposición, pedirá que a corporación lucense inste á Xunta de Galiza a cumprir, nun prazo máximo de dous meses, coa promesa de aprobar un Plan de Emprego Feminino. Segundo Cristina Ferreiro “este plan de emprego debe contar co orzamento necesario para se desenvolver ao longo dos próximos catro anos”. “O obxectivo ten que ser estabelecer medidas destinadas a incrementar a taxa de emprego feminino, promover a contratación de mulleres nos sectores nos que ten menos presenza”. Para o BNG “trátase de reducir o alto grao de precariedade das traballadoras na Galiza, atallar as problemáticas específicas das mulleres nos ámbitos produtivos -labregas, mariscadoras, redeiras,..- atendendo especificamente a problemática das mozas galegas para accederen ao emprego”.

Cristina Ferreiro sinalou que, en Galiza, a diferencia entre salario que reciben as mulleres está moi por debaixo da media estatal. Ferreiro referenciou que a diferencia do que cobra un muller por hora traballada en Galiza é de 6,5 euros respecto a un home e no resto do estado duns 4,15 euros. A situación de desigualdade que viven as mulleres galegas viuse acentuada co aumento da precariedade laboral desde comezos da crise, sen a implantación de políticas efectivas que puidesen frear o crecemento da fenda que sitúa as mulleres á marxe e que lles deixa cada vez máis as portas abertas ao desemprego, ao emprego precario ou á emigración.

Cristina Ferreiro dixo que “a pesar de escoitarmos insistentemente o discurso da igualdade conseguida, a realidade reflicte que a fenda salarial continúa ampliándose e as mulleres son as principais afectadas” e engadiu que “o desigual reparto de responsabilidades á hora de asumir o traballo non remunerado supón que a maternidade sexa un factor de penalización sobre o emprego das mulleres”. Para o BNG as chamadas políticas de austeridade frearon a posta en marcha de políticas de igualdade, tanto a nivel lexislativo como de realización de programas concretos.

A edil do BNG salientou que algúns instrumentos con medidas antidiscriminatorias, como a Lei 2/2007, do 28 de marzo, do traballo en igualdade das mulleres de Galiza, está paralizada. Nesta lei manifestábase o compromiso da Xunta de Galiza para integrar a dimensión de igualdade de oportunidades entre homes e mulleres, cumprindo co seguimento das políticas e accións sobre as que existen competencias en relación ao acceso ao emprego, desenvolvendo políticas de integración e apostando pola igualdade no ámbito laboral. “Algunha das medidas máis necesarias neste momento incluídas nesta lei, como é a posta en marcha de medidas que melloren o emprego feminino, continúa a agardar pola súa implementación” dixo Cristina Ferreiro.

Felicitación a Branca Rodríguez Pazos

Dende o BNG destacaron o recoñecemento que, a través do premio Entre Mulleres, se lle fará a Branca Rodríguez Pazos con motivo da celebración do día 8 de marzo. “É indiscutible o traballo que Branca fixo ao longo de toda a súa traxectoria por defender as políticas en matería de igualdade e por equiparar a figura da muller en todos os ámbitos da vida” dixo Cristina Ferreiro e engadiu que “mulleres como Branca son exemplo de coherencia e perseverancia na defensa dos dereitos das persoas e, sobre todo, das mulleres”.

O BNG DEMANDARÁ NO PLENO UN PLAN DE EMPREGO FEMININO EN GALIZA