O BNG DESCONFÍA DE QUE O GOBERNO SOCIALISTA ACEPTE AS FACTURAS PRESENTADAS POR URBASER
Segundo Paz Abraira Urbaser pretende sacar partido e beneficio económico da situación provocada pola folga e non está claro que o concello de Lugo esté disposto a pararlle os pés
O BNG criticou, en todo momento, a falta de contundencia do goberno municipal coa empresa adxudicataria
Lugo, 4 de decembro 2014. O BNG presentará unha serie de preguntas na vindeira Comisión de Medio Ambiente do concello de Lugo, que se celebrará o día 22 de decembro, para clarificar cal é a situación creada coas facturas emitidas por Urbaser durante o periodo de folga. A voceira nacionalista dixo que non pode ser que se abonen estas facturas que pagamos os contrubuintes do noso peto sen que a Urbaser se lle esixan respostas nin o pago do perxuizo provocado. Paz Abraira engadiu que no xuizo de onte quedou claro que a empresa Urbaser pretende sacar partido e beneficio económico da situación provocada pola folga e non está claro que o concello de Lugo esté disposto a pararlle os pés.
O BNG pregúntaralle ao goberno local en que estado se atopa o expediente aberto con resultado de sanción imposta á empresa Urbaser polo concello de Lugo polo incumprimento dos servizos mínimos durante a folga. Ademais os nacionalistas pedirán resposta oral, na comisión, para saber se o concello procedeu a aboarlle as facturas presentadas pola empresa concesionaria Urbaser durante o período de folga (meses de xuño, xullo e agosto).
Unha vez máis os nacionalistas preguntaranlle ao goberno municipal se ten cuantificado o perxuizo económico que lle casou ao concello de Lugo a empresa Urbaser polos incumprimentos do contrato de limpeza e recollida de lixo durante a folga deste verán. Outra das cuestións dos nacionalistas vai dirixida a saber se o goberno municipal ten adoptado algunha decisión sobre se lle van repercutir a Urbaser os custes da protección da Policía local aos medios materiais e humanos da empresa durante o período de folga explicou Abraira.
Ademais o BNG preguntou polas intencións do goberno socialista para saber se vai aboar o Concello de Lugo un importe superior polo servizo de recollida de lixo (facturas emitidas) durante o período de folga que o do ano anterior no mesmo período sen folga. Paz Abraira preguntou, ademais, se existe algún tipo de proposta firme de desconto do custe dos recibos aos cidadáns durante os días de folga e cando considera o Goberno municipal que poderá facer pública a contía dos descontos.