O BNG PEDIU NO PARLAMENTO GALEGO A RETIRADA DAS CONCERTINAS DOS TERREOS MILITARES DE PARGA-GUITIRIZ
Os nacionalistas recolleron as inquedanzas dos veciños que temen que este sexa un primeiro paso para converter o campamento militar nun almacén militar de perigosidade indeterminada
Cosme Pombo asegurou tras a súa visita que a actividade militar causa graves molestias entre os veciños, produciu fendas nalgunhas vivendas e perdas nas producións gandeiras
Santiago de Compostela, 28 de novembro 2014. O BNG presentou no Parlamento Galego unha iniciativa para coñecer as causas da instalación de concertinas no perímetro do campamento militar de Parga (Guitiriz). Ademais os nacionalistas reclaman que o Parlamento Galego insta á Xunta de Galiza a dirixirse ao Ministerio de Defensa para solicitarlle que negocie cos veciños colindantes do campamento militar de Parga, as condicións de uso deste campamento para que non prexudiquen o desenvolvemento normal das súas vidas.
As concertinas, segundo informou Pombo, están instaladas mesmo a carón de estradas, camiños e preto de vivendas, nunha actuación que nós entendemos que resulta desproporcionada, desafortunada e que non responde a criterios obxectivos de seguridade. O Grupo Parlamentar do BNG entende que, a instalación destas concertinas no chamado campamento militar de Parga , resulta algo impropio do século XXI en canto que supón un perigo certo e evidente para as persoas e para os animais e fauna salvaxe da zona.
Cosme Pombo sinalou que ata o de agora os veciños de Santa Cruz viñan tendo unha relación de convivencia co propio campamento en tanto que o cerramento perimetral do mesmo consistía nun ribazo de terra e pedra, sen nin tan sequera un valado que impedira o paso e sen que houbera problemas maiores e engadiu que as cousas cambian cando o Exército Español nun alarde de prepotencia, propia dunha institución caduca e retrógada, decide unilateralmente intensificar as labores de tiro no recinto, cun aumento de potencia nos explosivos utilizados que provoca graves molestias na saúde do vecindario, nas súas propiedades, nos seus animáis domésticos e mesmo nos animais salvaxes da zona, co conseguinte aumento do perigo que supón a utilización de morteiros e artillería nunha zona con poboacións moi próximas coma Santa Cruz, Roca ou Soexo.
Outra das causas da indignación veciñal, explicou o parlamentario do BNG, foi o feito de instalar un peche perimetral cuns elementos máis propios dun campo de batalla que dunha zona poboada, por moito que delimiten unha instalación que nestes intres ten un uso militar. Pombo sinalou, tamén, que diante da instalación do aramio de concertina na parroquia de Santa Cruz de Parga o vecindario está alarmado e reclama a inmediata retirada polo perigo que representa para animais e persoas; reclama ademáis que se rebaixe a potencia do tiro que están a empregar os militares por canto que resulta moi prexudicial para a saúde das persoas, para as súas propiedades e para os animáis das granxas da zona.
Sospeitas dun novo uso para o campamento
Cosme Pombo mantivo xuntanzas, durante a súa visita a Parga, con veciños e co presidente da comunidade de montes de Santa Cruz de Parga. Pombo afirmou que existen sospeitas de que o Ministério de Defensa teña previsto un cambio de uso para o recinto militar e este pode ser o primeiro paso. Pombo anunciou que o BNG presentará iniciativas no congreso dos deputados para averiguar cales son as verdadeiras intencións do Ministério e se existe pretensión de utilizar o campamento militar para outros fins diferentes aos actuais.