O BNG entregou a comerciantes e hostaleiros carteis para solidarizarse co sector lácteo
Cargos orgánicos e institucionais do BNG agradeceron a implicación do comercio e a hostalería lucense coa mobilización que mañá terá lugar na cidade de Lugo
O sector lácteo na provincia de Lugo é un sector estratéxico como pode ser o automobilístico en Vigo afirmou a responsábel comarcal do BNG
Lugo, 2 de setembro de 2015. O BNG fixo hoxe entrega, a comerciantes e hostaleiros, de carteis de apoio á mobilización prevista para mañá en defensa do sector lácteo. Dende o BNG agradeceron a implicación do comercio e a hostalería lucense e entregaron carteis para colocar nos seus correspondentes negocios. Esther López afirmou que o sector lácteo na provincia de Lugo é un sector estratéxico como pode ser o automobilístico en Vigo e lembrou a importancia deste sector para a economía lucense.
Esther López sinalou que o BNG mantén a súa aposta polo medio rural e polos sectores produtivos, especialmente polo sector lácteo, que na provincia de Lugo da emprego directo a máis de 12.000 persoas ademais dos empregos indirectos que están cifrados en preto de 25.000. López dixo que a economía xerada no sector lácteo non somentes é fundamental para as vilas da provincia se non tamén para a cidade de Lugo .
Dende o BNG pediron a implicación de comerciantes e hostaleiros e solicitaron que se faga un peche de establecementos entre as 12:00 e as 14:00 horas, tal e como pediron as organizacións convocantes da manifestación.