O BNG ESIXE OS SERVIZOS DE RADIOTERAPIA, HEMODINÁMICA E MEDICINA NUCLEAR PARA O HULA

O BNG ESIXE OS SERVIZOS DE RADIOTERAPIA, HEMODINÁMICA E MEDICINA NUCLEAR PARA O HULA

O responsábel comarcal do BNG de Lugo, Mario Outeiro, lembrou que “historicamente o BNG vén reclamando estes servizos décadas atrás, xa para o Hospital Xeral, e faino agora para o HULA, ademais de seguir reivindicando un centro público sanitario de alta resolución para o Ambulatorio da Praza de Ferrol e o non abandono da antiga Residencia”

Segundo Mario Outeiro “o BNG quere unha sanidade para todos e todas, unha sanidade próxima, universal e de calidade e uns servizos públicos aos que todas as persoas por igual poidan acceder”.

Lugo, 17 de xaneiro de 2013. Unha delegación de cargos orgánicos e institucionais do Bloque Nacionalista Galego (BNG) de Lugo, así como militantes e simpatizantes, encabezada polo responsábel comarcal, Mario Outeiro, e os concelleiros Antón Bao e Paz abraira, estiveron a repartir material informativo no HULA e no centro da cidade no que se daba conta das reivindicacións continuas do BNG na defensa dunha sanidade de calidade e pública para Lugo. Tal e como lembrou Mario Outeiro, “historicamente o BNG vén reclamando os servizos de Hemodinámica, Radioterapia e Medicina Nuclear desde décadas atrás, xa para o Hospital Xeral, e faino agora para o HULA, ademais de seguir reivindicando un centro público sanitario de alta resolución para o Ambulatorio da Praza de Ferrol e o non abandono da antiga Residencia, estabelecendo nestas dependencias un PAC de Urxencias, un Centro de Saúde e unha Unidade de Atención Pública Socio-Sanitaria e Hospital para Maiores”.

Segundo o responsábel comarcal do BNG en Lugo, Mario Outeiro, “o BNG vén loitando pola mellora dos servizos sanitarios da provincia de Lugo, a través de todas as institucións e foros onde temos presenza”. O BNG presentou ao longo destes anos numerosas iniciativas nas institucións nas que ostenta representación. Mario Outeiro dixo que “o BNG vai apoiar tódalas reivindicacións que neste sentido desde calquera plataforma, asociación ou organización, xa que o BNG estará sempre defendendo os intereses do pobo, e por tanto ten que estar sempre alí onde haxa unha desigualdade ou unha inxustiza que prexudique á xente”. Segundo Mario Outeiro “o BNG quere unha sanidade para todos e todas, unha sanidade próxima, universal e de calidade e uns servizos públicos aos que todas as persoas por igual poidan acceder”.

“A saúde pública e a asistencia sanitaria universal, equitativa e de calidade, ademais dun dereito constitucional, ten como finalidade conservar e preservar a saúde da colectividade e prestar asistencia individualizada as persoas que a necesiten, independentemente dos seus recursos ou de onde residan. A sanidade pública financiase coas cotizacións e impostos de todos os cidadáns, polo tanto non é unha gracia dos Gobernos do PP: é un dereito fundamental que nos levou anos de esforzo e loita conseguir e que non podemos permitir que se nos roube, privatizando ou deteriorando as prestacións sanitarias que vamos necesitar no futuro inmediato”- afirmou Mario Outeiro.

O BNG ESIXE OS SERVIZOS DE RADIOTERAPIA, HEMODINÁMICA E MEDICINA NUCLEAR PARA O HULA