O BNG LEVARÁ AO NO PLENO DO CONCELLO DE LUGO AS DEMANDAS DAS PERSOAS AFECTADAS POLAS PREFERENTES

O BNG LEVARÁ AO NO PLENO DO CONCELLO DE LUGO AS DEMANDAS DAS PERSOAS AFECTADAS POLAS PREFERENTES

Representantes da Plataforma Preferentes de Lugo presentaron, co voceiro do BNG no concello de Lugo, a moción que se debaterá no vindeiro pleno municipal

Para o colectivo de afectados “a solución ao problema pasa por unha solución política”

LUGO, 15 de xaneiro de 2013. Tres representantes da Plataforma Preferentes Lugo presentaron a moción que o BNG trasladará ao Pleno Municipal do vindeiro día 4 de febreiro. Na rolda de prensa estiveron acompañados do voceiro nacionalista Antón Bao que dixo que “será a cuarta vez que o BNG leve ao pleno do concello unha proposta neste senso” e lembrou que “nas tres ocasións anteriores o partido popular votou en contras das iniciativas que pretendían un pronunciamento a favor da defensa dos afectados por esta estafa”.

Antón Bao cargou contra a actitude do partido popular que tamén levará unha moción, para tratar o tema das preferentes, ao mesmo pleno do concello de Lugo. O voceiro do BNG tachou de “hipocresía política absoluta” dado que “a proposta consiste en continuar envolvendo o problema, xa que a arbitraxe é unha solución parcial e oscurantísta”. Bao recriminou que a arbitraxe fora unha solución electoralista xa que antes das eleccións había 20 árbitros traballando e agoara quedaron 4. En referencia a moción dos populares Antón Bao dixo que “rResulta unha clara desvergonza solicitarlle ao Banco de España, FROB, Ministerio de Economía e Facenda ou á Comisión Europea, que reduza ou non se produzan as quitas cando a existencia das quitas é produto do Real Decreto Lei 24/2012, aprobado polo goberno do PP no Estado o pasado mes de xullo”.

O BNG participou nunha xuntanza, convocada a semana pasada pola Plataforma Preferentes Lugo, á que foron convidados voceiros e alcaldes de todos os grupos políticos dos concellos da comarca de Lugo. Nesta xuntanza os membros da Plataforma Preferentes Lugo entregaron a todos os participantes un texto para levar aos respectivos concellos unha moción en apoio ás persoas afectadas pola estafa. Segundo dixo Digna Lagarón, representante da plataforma, “solicitamos a implicación dos voceiros dos grupos políticos por que queremos coñecer cal é a súa posición ao respecto e somos sabedores de que a única solución pasa por unha decisión política”.

Dende a plataforma de afectados, Javier Novo, cifrou en 43.000 os afectados polas participacións preferentes en toda Galiza e en 35.000 os afectados polas subordinadas. Novo engadiu que “dende a plataforma somos totalmente contrarios á quita que, segundo as entidades, comenzarán a aplicarse a principios de febreiro”. Novo explicou, tamén, que é difícil coñecer o número exacto de persoas afectadas polas subordinadas xa que as entidades están a negarlles aos seus clientes que teñan este produto contratado e continuan a pagarlles uns xenerosos intereses alegando que son outro tipo de depósitos.

Novas mobilizacións

María Xosé Rodríguez, que tamén falou en nome da Plataforma Preferentes Lugo, anunciou que o colectivo mobilizarase en Lugo aproveitando a celebración do congreso do partido popular e convidou a toda a cidadanía a participar nestas mobilizacións que serán diante do Pazo de Feiras e Congresos de Lugo o sábado, 19 de xaneiro, ás 11:00 e o domingo, 20 de xaneiro, ás 12:00. Os representantes da plataforma tamén anunciaron unha manifestación, de todos os afecatados do país, para o día 2 de febreiro en Santiago de Compostela. Esta manifestación comenzará ás 11:30 horas e rematará diante da residencia oficial do presidente da Xunta.

TEXTO DA MOCIÓN PRESENTADA:

 

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS

Presentado pola Plataforma Preferentes Lugo un escrito solicitando o pronunciamento deste concello en apoio á loita que as persoas afectadas polas participacións preferentes e obrigas subordinadas están levando a cabo para recuperar integramente os seus aforros, o BNG traslada esta solicitude para o seu debate plenario e que se adopten os seguintes

ACORDOS:

  1. Instar ao Goberno do Estado Español a que arbitre os mecanismos legais necesarios para devolverlles a todos os aforradores o diñeiro depositado nas entidades de crédito baixo a fórmula de participacións preferentes ou capital subordinado.

  1. Demandar da Xunta de Galiza que proceda a recorrer xudicialmente a proposta da quita que para estes produtos financeiros propón o Ministerio de Economía e a Comisión Europea.

  1. Apoiar e participar activamente, con todos os medios ao seu alcance, nas concentracións, manifestacións e outros actos reivindicativos que as persoas afectadas a través da Plataforma Preferentes Lugo organicen na defensa dos seus dereitos e intereses.

O BNG LEVARÁ AO NO PLENO DO CONCELLO DE LUGO AS DEMANDAS DAS PERSOAS AFECTADAS POLAS PREFERENTES