O BNG ESIXELLE Á XUNTA QUE MANTEÑA AS BOLSAS DE VIVENDA
Para o BNG o problema real que as institucións teñen que atallar neste momento é a vivenda
O BNG quere coñecer se houbo intervención dos servizos sociais do concello no caso da muller asasinada no camiño real
O BNG interesouse pola afectación, sobre a aprobación definitiva do PXOM, da solicitude de informes por parte da Confederación Hidrográfica e pola previsión de arranxos na rúa da Industria
Lugo, 23 de abril de 2013. Tras a celebración, no concello de Lugo, do Consello Local de Servizos Sociais a concelleira do BNG, Paz Abraira, cargou duramente contra as políticas do partido popular afirmando que a Xunta e o Estado fáltanlle ao respeto ás persoas implantando a pobreza por decreto. Estas manifestacións foron provocadas pola intervención, na comisión, do representante do SERGAS e da concelleira do PP que pediron respeto institucional e que non se convertese as comisións en foro de debate político.
Para o BNG é fundamental que, neste momento, a Xunta manteña e incremente a súa bolsa de vivenda para que as persoas non queden na rúa xa que é a xunta a verdadeira responsable. Abraira explicou que coas politicas do PP na Xunta moitas persoas quedarán sen fogar se non se manteñen e incrementan as bolsas de algueiro de vivenda. Este será un problema, explicou Paz Abraira, que rematará trasladándoselle ao concello de Lugo pola pasividade da Xunta. Para o BNG é unha necesidade e unha prioridade garantir o dereito a unha vivenda digna para todos os cidadáns e nesto deben de participar todas as administracións.
Paz Abraira pediu tamén que o concello aumente a bolsa de vivenda de alugueiro xa que se prevé un importante aumento da demanda ao desaparecer os fondos da Xunta destinados a tal fin. Segundo Paz Abraira a bolsa de vivenda do concello débese de incrementarse cos remanentes do orzamento e de non ser posible, deben facerse as correspondentes modificacións de crédito para afrontar o que é un problema real para moitas persoas.
Preguntas
O BNG rexistrou esta mesma mañá diversas preguntas para reposta oral nas comisións previas ao vindeiro pleno do Concello de Lugo. A maior parte das preguntas deberán ser respondidas polo goberno municipal na Comisión de Urbanismo, Infraestruturas, Medio Ambiente e Zona Rural e tamén foron dirixidas varias preguntas á Comisión de Benestar Social e Igualdade. As preguntas dirixidas ás correspondentes comisións son relativas á intervención dos servizos sociais do concello de Lugo no caso da muller asasinada no Camiño Real, a reclamación de informes que fixo a Confederación Hidrográfica para a aprobación do PXOM e sobre a solicitude de axudas á xunta de Galiza para efectuar obras na rúa da Industria no polígono do Ceao.
Intervención dos serizos sociais no caso do Camiño Real
Os nacionalistas demandaron información sobre a intervención dos servizos sociais do concello de Lugo no caso da muller asasinada no Camiño Real. Tendo en conta as información xurdidas sobre a intervención dos servizos sociais no caso da muller asasinada no Camiño Real o BNG presentou unha serie de preguntas, no concello de Lugo, no Parlamento Galego e no Congreso dos Deputados. Dada a falta de exactitude das respostas recibidas por parte do goberno municipal o BNG voltou a presentar unha serie de preguntas para resposta oral en comisión. O BNG quere que se concreten as medidas adoptou o concello de Lugo desde os Servizos Sociais Municipais e desde a Casa da Muller para prestarlle a atención necesaria á familia da muller asasinada, Elena Dimitru. Tamén preguntan os nacionalistas se neste momento se mantén a colaboración coa Xunta de Galiza para o seguimento e atención da familia e dos menores fillos da falecida. Respecto da coordinación coas outras administracións dende o BNG tamén pregunta pola participación do Concello de Lugo en algunha xuntanza de análise do labor desenvolto por todos os estamentos (xudiciais, policiais e administrativos) neste caso.
Reclamación de informes para a aprobación do PXOM
A edil Paz Abraira pretende que o goberno municipal clarifique varias cuestións referentes ao último requirimento feito pola Confederación Hidrográfica Miño-Sil necesario para a aprobación do PXOM. En concreto o BNG quere saber se o concello de Lugo recibíu a solicitude oficial, a través do rexistro, dos informes sobre o PXOM que a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil reclama e, tamén, qué medidas pensa adoptar o goberno municipal ante esta nova solicitude da confederación e a Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas. Para o BNG é importante que os cidadáns saiban cando pensa o Goberno municipal que pode estar definitiva e totalmente aprobado o PXOM e que previsións de tempo manexa o Goberno municipal para a elaboración de ditos informes. Outras das cuestión relevantes é saber se a parte aprobada do PXOM conta cos informes hidrolóxicos e hidráulicos que se reclaman agora para o 5% pendente.
Obras na rúa da Industria
O Concello de Lugo solicitou do Estado unha subvención para rematar as obras na rúa da Industria, no polígono do CEAO, subvención que lle foi denegada por ausencia de fondos. O BNG quere saber a que pensa destinar a Concellería de Infraestruturas os cartos reservados, no orzamento municipal para esa obra e se vai acometer algunha obra este ano no polígono do CEAO con fondos propios.