O BNG DE LUGO SAIRÁ Á RÚA COA CIG NA DEFENSA DAS CLASES TRABALLADORAS LUCENSES

O BNG DE LUGO SAIRÁ Á RÚA COA CIG NA DEFENSA DAS CLASES TRABALLADORAS LUCENSES

Esther López considera que “a rúa está en loita contra unhas políticas ultraliberais do PP que están condenando o noso país ás cifras máis altas de desemprego da historia e ás peores condicións laborais e de servizos”

“As cifras do paro de marzo dinnos que Lugo ten 1591 desempregados máis que o ano pasado, 1591 razóns explícitas para protestar pola nefasta política do PP”

“A capacidade adquisitiva da clase traballadora galega reduciuse un 30% desde 2009, pola caída dos salarios, a suba de impostos e a introdución de repagamentos”

Lugo, 23 de abril de 2013.  Esther López, responsábel comarcal do Bloque Nacionalista Galego En Lugo, manifestou o seu apoio e informou que o BNG vai saír á rúa xunto á CIG para apoiar a convocatoria de acto público e manifestación que a CIG vai levar a cabo, mañá mércores 24 de abril, na Praza Maior, ás 11:30 horas e 13:00 horas respectivamente, para denunciar a situación crítica na que as reformas neoliberais en materia laboral que está a executar o PP situou á clase traballadora galega, que é quen está a padecer directamente os efectos da crise.

Tal e como explicou Esther López, “as políticas do PP fan que Lugo ande nos seus máximos históricos de desemprego con 29.379 parados, 1.591 máis que a estas alturas do ano pasado, o que son 1.591 razóns explícitas para protestar pola nefasta política do PP que nos está conducindo a esta dramática situación. As mulleres están a padecer como nunca o drama do paro e, con 14.076 desempregadas, están a piques de acadar a cifra de desemprego masculino, que está nos 15.303 desempregados. A Xunta de Galiza e o Goberno do Estado estannos a condenar cada día a unhas cotas máis altas de desemprego no noso país e Lugo non é allea a isto: destrución dos nosos sectores produtivos como o desmantelamento do agro e o sector leiteiro cunha total pasividade por parte da Xunta ante proxectos vitais como Alimentos Lácteos. Para o BNG é imprescindible o apoio aos nosos sectores produtivos mentres que para o PP a prioridade é beneficiar ás grandes empresas, á banca e ao capital”.

“O BNG sairá á rúa na defensa das clases traballadoras porque para o BNG sempre foi unha prioridade que as clases populares mantivesen un poder adquisitivo que lles permitise levar unha vida digna baseada nun estado de benestar, algo que o PP se está encargando de destruír desde os gobernos  da Xunta e do Estado logrando, nada máis e nada menos, que a capacidade adquisitiva dos galegos e galegas caese un 30% desde 2009 como consecuencia dos recortes dos salarios propiciados polas continuas reformas laborais e a suba dos impostos, ademais doutras medidas como o repagamento farmacéutico, libros de texto, suba das taxas universitarias ou o repagamento dos comedores escolares que o vindeiro curso terán que afrontar as familias galegas” – afirmou Esther López.

O BNG DE LUGO SAIRÁ Á RÚA COA CIG NA DEFENSA DAS CLASES TRABALLADORAS LUCENSES