A COMISIÓN DE ACCIÓN FEMINISTA DO BNG ACORDOU EMPRENDER ACCIÓNS CONTRA AS POLÍTICAS DO PP
Para o BNG os gobernos do partido popular pretenden afogar a liberdade e o dereito a decidir das mulleres aplicando políticas que nos levan corenta anos atrás
O goberno de Madrid cociña a lei do aborto coa receita feita pola igrexa católica segundo Mercedes Mourenza
Lugo, 22 de abril de 2013. A Comisión de Acción Feminista do BNG, na comarca de Lugo, mantivo hoxe unha xuntanza para trazar as liñas de acción que se desenvolverán nos vindeiros meses contra as políticas que están aplicando os gobernos do partido popular tanto na xunta como no estado. Entre os aspectos a tratar cabe destacar a análise das medidas de recortes que afectan aos temas relacionados coa violencia de xénero. Mercedes Mourenza, responsabel de Comisión, afirmou que BNG ten previsto desenvolver varias accións nos vindeiros meses para concienciar á poboación da gravidade que teñen as políticas que se están aplicar neste momento e que supoñen o menoscabo de todos os dereitos adquiridos nas últimas décadas. Para o BNG non é xustificable a retirada de dereitos baixo o argumento da crise económica e resulta indamisibles os retrocesos que se están a dar en materia de igualdade. Un exemplo deste retroceso é a lei da educación, na que se permite a segregación por sexos nas aulas.
Merce Mourenza dixo que o BNG é crítico coas políticas que o Partido Popular está aplicando en materia de xénero e estamos especialmente preocupadas coas pretensións de reforma da lei do aborto que o goberno de Madrid cociña coa receita feita pola igrexa católica. Para as nacionalistas é inaceptabel que gobernos do Partido Popular esten a subvencionar a colectivos antiabortistas, como a red-madre e incluso respaldando a creación en Lugo, por parte do bispado, dun centro cristiano de asesoramento a familias utilizando e deturpando o termo COF (Centro de Orientación Familiar).
Merce Mourenza indicou que as políticas da dereita van encamiñadas única e exclusivamente a manter o machismo e o patriarcado. O partido popular recortou un 70% os orzamentos para atención ás mulleres vítimas de violencia de xénero e para aplicar campañas de prevención da violencia de xénero esto afirmou Mourenza que engadiu que o PP eliminou o salario que percibían as mulleres vítimas de violencia de xénero; e incrementaron e endureceron os criterios para poder acceder a eles. A realidade é que seguen morrendo mulleres vítimas de violencia de xénero e cada día hai menos recursos para elas, e cada día se presentan menos denuncias. A redución de denuncias é debida a que as mulleres non teñen a qué acollerse e por iso non denuncian, porque se ven na rúa e sen ningún tipo de axuda pública para paliar a súa situación.