O BNG DE LUGO APOIOU Á CIG NA DEFENSA DAS CLASES TRABALLADORAS LUCENSES
O secretario xeral da CIG chamou a preparar novas mobilizacións, sen descartar folga xeral antes do verán, ante o anuncio do PP de novas reformas
A CIG sae á rúa contra as últimas reformas que precarizan as condicións laborais da mocidade, dificultan as xubilacións anticipadas e o acceso ao subsidio a maiores de 55
A respecto das reformas que se van aprobar este venres, Xesús Seixo afirmou que serán máis duras do que se prevían ao desfasarse as previsións que fixo o goberno sobre a caída do PIB
Lugo, 24 de abril de 2013. Esta mañá, o BNG saíu á rúa apoiando o acto público e a manifestación que a CIG desenvolveu en Lugo, no que o secretario xeral da CIG, Suso Seixo, analizou as últimas reformas feitas polo goberno do PP no Estado e augurou a nova aprobación dun paquete de medidas no Consello de Ministros deste venres que serán máis duras do que se prevían ao desfasarse as previsións que fixo o goberno de Rajoy sobre a caída do PIB, que situaban nun 0,5 %, mentres que o FMI e a Unión Europea situaron a caída nunha cifra que triplica esta previsión, no 1,6 %, polo que isto vai incidir no que son os ingresos do propio Estado e no déficit público. O único que podemos agardar deste venres é que anuncien novas medidas moito máis duras de recorte do gasto público, polo que vai afectar aos sectores que xa se viron atacados: ensino, sanidade e posiblemente tamén de incremento de impostos, non só indirectos, senón tamén directos, porque nós tememos que se incrementen de novo as cotizacións do IRPF que prexudican principalmente á clase traballadora.
O secretario xeral da CIG denunciou as últimas medidas aprobadas en Consello de Ministros. Nomeadamente o R.D. Lei 4/2013, do 22 de febreiro, polo que se aproba un plan de contratación a menores de 30 anos e modifícase a regulamentación das ETTs, entre outros, e o R.D. Lei 5/2013, do 15 de marzo, no que tamén se muda a regulamentación e requisitos para a xubilación parcial e anticipada; o fomento da xubilación en activo e recórtase o subsidio de desemprego para maiores de 55 anos. Para Seixo estas medidas non supoñen nada novidoso con respecto ao que veñen sendo as políticas do PP, recortar dereitos, proporcionar man de obra barata á patronal e sacar medidas especialmente duras cos sectores máis desfavorecidos e os que están a sufrir de forma máis directa as consecuencias da crise económica, denunciou.
A este respecto subliñou a gravidade de aprobar unha nova regulamentación para os contratos a menores de 30 anos, subvencionados, que permiten salarios inferiores aos 500 euros e, nalgúns casos, mesmo sen dereito a prestación. Regulamentación que vén empeorar as xa precarias condicións contempladas nos contratos de formación e prácticas. Denunciou que se favoreza a contratación de xubilados/as mantendo o 50% da súa pensión, nunhas condicións moi beneficiosas para a empresa. Unha medida coa que se dificulta, dixo a incorporación ao mercado laboral de traballadoras/es en paro e que é, na práctica, discriminatoria no sentido de que non todos os xubilados/as chegan a esa idade nas mesmas condicións físicas e económicas.
Reformas o 26 de abril
Respecto do anuncio dun novo paquete de reformas a aprobar no Consello de Ministros do vindeiro venres 26 de abril, Seixo advertiu que o que se pretende, por exixencia da UE, é abaratar máis o despedimento; rebaixar os salarios; subir os impostos indirectos e non revalorizar as pensións en función da carestía da vida.
Séguese a insistir nas políticas de sempre, que non serven para reactivar a economía e saír da crise. Políticas que pretenden que os custos da crise caian nas clases populares, denunciou, mentres a banca e as grandes empresas campan ás súas anchas, fan despedimentos masivos e seguen evadindo impostos a través dos paraísos fiscais.
Ante esta situación proclamou que o goberno do PP non nos representa e que esta UE, non nos interesa e fixo un chamamento a seguir a mobilizarse, atentos/as ás medidas que se aproben o día 26 porque se son segundo o previsto haberá que preparar novas mobilizacións, sen descartar a convocatoria dunha folga xeral antes do verán.
Ademais, o secretario xeral da CIG fixo un convite a todos e todas as traballadoras a participar de xeito masivo nas manifestacións o 1 de maio, Día Internacional da Clase Obreira, e que os traballadores e traballadoras deste país deamos contestación ás políticas neoliberais que están a minar os nosos dereitos.