O BNG DE GUITIRIZ DENUNCIA QUE PP MENTIU APROBANDO ORZAMENTOS PARA OBRAS QUE AGORA NON REALIZA
Xosé Lois González Souto, Pereira, denuncia que nos orzamentos aprobados para 2013 aparecen consignadas obras que non se van realizar e que se anularán este venres nun pleno extraordinario
Pereira critica a inoperancia dun goberno do PP que en dedicacións exclusivas aos seus concelleiros leva cobrado 275.000 euros sen demostrar co se goberno seren útiles para os veciños e veciñas de Guitiriz
Guitiriz, 17 de outubro de 2013. Xosé Lois González Souto, Pereira, portavoz do BNG de Guitiriz denuncia publicamente que o goberno do PP mentiu e enganou a todas as veciñas e veciños do Concello no Pleno do 1 de agosto onde se aprobaron os orzamentos para este ano 2013 cos votos do PP e a cuña do concelleiro independente e no que presentaban no capítulo de investimentos tres obras: urbanización da rúa Os Vales por 89.763,93 euros dos cales 22.440,99 euros eran aportados polo Concello e 67.322,94 pola Xunta; soterramento LMT da rúa Boa Veciña e praza do Campo da Feira por una inversión de 92.713,91 euros, sendo 18.542,79 euros achegados polo Concello e 74.171,12 euros pola Xunta e, finalmente, a renovación da instalación e iluminación exterior en Parga e Pardiñas cun investimento de 49.937,17 euros, dos cales eran o Concello achegaba 14.981,16 euros e a Xunta de Galiza 34.956,01 euros.
O BNG denuncia a pouca seriedade que ten o Sr. Teixido e o seu goberno aprobando en Pleno investimentos non reais, baleiros de contido e sen
fundamento real ningún xa que, como se comprobou agora, nunca se chegarán a executar, xa que este vindeiro venres no Pleno extraordinario que programou o PP, procederán a eliminar estas obras ao ficar o Concello sen subvención algunha por parte da Xunta de Galiza, e dedicarán o diñeiro con que participaba o Concello nestas obras, que fai un montante de 55.964,94 euros a reparacións viarias (bacheos 47.000 euros), axudas de material escolar (6.000 euros) e acondicionamento de locais (2.964,93 euros).
Do mesmo xeito o portavoz do BNG lembrou que estas eran as primeiras e únicas obras serias que este goberno planificaba realizar dende a súa chegada ao poder hai dous anos e medio. Isto é moi criticábel tendo en conta ademais que o goberno municipal de Guitiriz conta con catro dedicacións de concelleiros con salario que levan embolsado aproximadamente 275.000 euros sen demostrar que fixeran nada útil para as veciñas e veciños de Guitiriz.