O BNG INVITA A MANTER A DESCENTRALIZACIÓN DAS ACTIVIDADES CULTURAIS DO CONCELLO
Antón Bao dixo que o goberno municipal non conta cos barrios na súa programación cultural
Bao lembrou que o BNG, na súa etapa no goberno, levou a actividade cultural aos barrios nos eventos programados polo Concello
Lugo, a 1 de xullo de 2013. Antón Bao referiuse á falta de previsión do goberno municipal á hora de programar actividade cultural e non enviar actividades aos barrios naqueles eventos que programa a concellería de cultura. Bao dixo que o goberno municipal e a concellería de cultura se equivocan na programación cultural que está prevista para o verán en Lugo que non conta para nada cos barrios. Un dos exemplos nos que se basou o voceiro do BNG no concello de Lugo é o Festiclown, que se desenvolverá neste mes de xullo, para Antón Bao esta sería unha oportunidade perfecta para que os espectáculos de clown se desplazarán aos distintos barrios da cidade.
Bao engadiu que está ben que exista programación cultural no centro da cidade pero, tamén, os veciños e veciñas que non viven no casco histórico teñen dereito a disfrutar da programación cultural do concello. Para o BNG as actividades culturais que programa o concello deben ter como obxectivo chegar ao máximo número de veciñas e veciños. A cidade de Lugo ten máis de vinte barrios nos que existen oportunidades e ubicacións perfectas para programar eventos e actividades culturais que contribúan a dinamizar os propios barrios.
O BNG, na súa etapa de goberno, establecera unha dinámica de descentralización da actividade cultural para que todos os barrios tiveran actuacións, dentro das actividades programadas polo concello. Bao puxo como exemplo as apostas feitas para enviar actuacións aos diferentes barrios da cidade durante as festas do San Froilán 2011 e 2012, na semana da maxía e no Samaín.