PARA O BNG É UNHA INXUSTIZA QUE SE COBRE POR USAR AS BIBLIOTECAS

PARA O BNG É UNHA INXUSTIZA QUE SE COBRE POR USAR AS BIBLIOTECAS

Cristina FerreiroOs nacionalistas levarán unha proposición ao pleno do concello de Lugo para esixir a retirada do canon bibliotecario imposto polo PP

Lugo, 5 de outubro 2014. O BNG levará unha proposición ao pleno do concello de Lugo para esixir a retirada do canon bibliotecario imposto polo PP. A edil nacionalista, Cristina Ferreiro, explicou que o pasado 1 de agosto, en pleno período vacacional, o Goberno do Estado español publicaba o Real Decreto 624/2014, de 18 de xullo, que obriga ao pago polo empréstito a arquivos, museos e bibliotecas, un RD que responde ás esixencias da Directiva europea 2006/115/CE, de 12 de decembro de 2006.

Ademais de demandar que o concello de Lugo se sume a todas as campañas que se fagan contra a implantación do canon bibliotecario, os nacionalistas tamén reclamarán que o Pleno do Concello se comprometa a defender ás bibliotecas municipais como espazos xeradores de cultura polo que garantirá orzamento adecuado para a compra de fondos.  Na moción do BNG tamén se recolle a proposta de instar á Xunta de Galiza a pór en marcha as medidas necesarias para comprometer un  plan de  mellora, modernización e coordinación da rede bibliotecaria pública galega. Tamén, reclaman os nacionalistas, que a Xunta de Galiza destine as partidas orzamentarias suficientes para que as bibliotecas públicas galegas alcancen as recomendacións dos organismos internacionais,  a IFLA e a UNESCO,  en canto a estándares de calidade.

Este real decreto, imposto polo PP, determina o pago de dereitos de cada autor@ con base no pagamento dun canon por empréstito; estabelece o pago de 0,004€ por empréstito realizado e 0,05€ por persoa usuaria das bibliotecas. Ademais, sinala que mentres non se poida aplicar o pago por empréstito, estabelecerase o canon de 0,16€ por obra adquirida pola biblioteca e dispoñíbel para ser prestada.

Para o BNG “o Real Decreto non ten en conta a situación de Galiza, onde non existe un carné de usuari@ único e onde moit@s usuari@s son soci@s de máis dunha biblioteca e, por tanto, por unha mesma persoa pagarase varias veces”. Esta medida, dixo Ferreiro, “é un claro ataque ás bibliotecas públicas, que verán aínda máis diminuídas as posibilidades de actualizaren o seu fondo, e fai recaer o peso do pago sobre os concellos, que son, en moitas ocasións, as administracións que máis invisten en cultura a pesar de disporen de menos recursos que outras administracións”. A normativa representa tamén un ataque ao dereito da cidadanía á lectura e ao acceso á cultura, prexudicando, máis unha vez, a quen menos ten, pois ao deteriorarse este servizo público dificultarase o acceso á cultura das persoas con menos recursos.

Dendeo o BNG aclarouse que “é dunha directiva pensada para países do norte de Europa, cunha situación cultural moi diferente da estatal e da galega”. Estes países, que contan cun sistema bibliotecario que foi sempre o espello no que mirarnos, son considerados paradigma da xestión bibliotecaria tanto pola IFLA (Federación Internacional de Asociacións de Bibliotecarios) como pola UNESCO (Organización das Nacións Unidas para a Educación, a Ciencia e a Cultura). “Porén,  a situación das bibliotecas galegas está ben lonxe do sistema bibliotecario deses países e o pago do canon non fará máis que empeorala” aclarou Cristina Ferreiro.

 

PARA O BNG É UNHA INXUSTIZA QUE SE COBRE POR USAR AS BIBLIOTECAS