O BNG ACUSA AO GOBERNO MUNICIPAL DE DESATENDER O SAN FROILÁN
Segundo Cristina Ferreiro o goberno municipal continúa adelgazando as que deberían ser as festas grandes de Lugo e do outono galego
Para os nacionalistas entregar a organización das festas á xestión privada implica un programa pobre en cantidade e calidade ademais da desaparición de atraccións, casetas do polbo e do abandono dos colectivos sociais lucenses
Lugo, 7 de outubro 2014. A edil do BNG no concello de Lugo, Cristina Ferreiro, acusou ao goberno de López Orozco de abandonar o funcionamento das festas á inercia e de continuar adelgazando as que deberían ser as festas grandes de Lugo e do outono galego. Para o BNG fíxose un programa pobre en cantidade e calidade que non conseguiu atraer visitantes a Lugo nin contentar aos lucenses. Cristina Ferreiro asegurou que estas son as consecuencias de entregar a organización das festas á xestión privada e engadiu que ademais da escasez do programa supuxo a desaparición de atraccións, casetas do polbo e do abandono dos colectivos sociais lucenses.
Cristina Ferreiro concretou as súas acusacións explicando que non se programaron concertos na praza de Santa María para a tarde-noite de días tan importantes nas festas como o sábado 4 ou o domingo 12 a pesares de que houbo propostas dende a Asociación de Gaiteiros Galegos para facer o tradicional festival do domingo das mozas. Non se tiveron en conta as propostas de colectivos sociais como foi a petición de autorización para a celebración dunha feira de asociacións impulsada por unha ducia entidades dixo Ferreiro e afirmou que tampouco se instalou unha caseta para fomentar a lactancia materna que todos os anos xestionaba o colectivo Bico de Leite e que daba servizo a moitas nais e pais que utilizaban para mudar a nenos e nenas e para alimentalos.
Ademais Cristina Ferreiro sinalou que a mala xestión do goberno municipal deixou que no feiral quedaran espazos libres e que incluso se pedera unha caseta do polbo todo isto son sinais claras da falta de interese do PSOE por estas festas que son as de todos e todas as lucenses. A edil do BNG recalcou tamén que non son unhas festas imaxinativas, xa que cun presuposto de 650.000 euros non parece normal que os grandes espectáculos das festas sexan orquestras.
Pouca xente nas rúas e un engano aos artesáns
Para o BNG a proba de que se trata dunhas festas escasas é a pouca xente que acudiu ao recinto feiral e aos espectáculos programados., a edil nacionalista engadiu que para este resultado non compre gastar 10.000 na contratación dunha persoa externa á plantilla municipal como fixo o PSOE. Dende o BNG non se ve lóxico a ubicación da feira GastroArte, que deixa aillados aos postos de artesanía que apostaron por participar nestas feira de nova implantanción, parece que a única preocupación do goberno municipal era a de desfacerse dos manteiros. Para o BNG a feira GastroArte está desconectada do resto do feiral e esto perxudica seriamente a uns artesáns que se puideron instalar a partir do segundo tramo de Ramón Ferreiro. O perímetro de seguridade para os concertos da Horta do Seminario non ten por que chegar ata o lugar no que se instalou a feira de artesanía explicou Cristina Ferreiro.
Desaparición do San Froilán Miúdo
Dende o BNG criticouse tamén a desaparición do San Froilán Miúdo as actuacións para os máis novos diluironse no medio do programa de festas. Cristina Ferreiro dixo que é outra mostra da desidía deste goberno municipal que se esquencen das nenas e nenos á hora de programar as festas. En ningún sitio do programa de festas aparece referencia ás actividades para os cativos e non existe un espazo no que, a unha hora determinada, se desenvolvan actividades para os máis pequenos como viña sendo costume nos últimos tempos. A cidadanía agradece que durante as festas exista un lugar de referencia e unha hora concreta para levar ás nenas e nenos a participar da súa festa concluiu Cristina Ferreiro.