COSME POMBO DEFENDE NO PARLAMENTO A ILP PARA A IMPLANTACIÓN DE SERVIZOS NO HULA
O BNG presentou unha proposta de resolución para o debate de política xeral do Parlamento Galego na que se pide o respecto pola redación orixinal da ILP
A ILP que pedía a implantación, no HULA, dos servizos de Hemodinámica, Radioterapia e Medicina Nuclear foi avalada por 41.095 sinaturas e aprobada por unanimidade no Parlamento Galego
Lugo, 8 de outubro 2014. O parlamentario do BNG, Cosme Pombo, presentou, ao abeiro do disposto no Regulamento do Parlamento, unha Proposta de Resolución, para ser tratada polo Pleno da Cámara na sesión adicada ao Debate de Política Xeral que se celebrará mañá. Na proposta dos nacionalistas pídese que se respecte a redación orixinal da Iniciativa Lexislativa Popular presentada no Parlamento Galego o 25 de marzo de 2014. Esta ILP contou co apoio unánime das forzas da cámara galega e foi avalada por 41.095 sinaturas.
Os nacionalistas presentaron esta proposta de resolución no marco do debate sobre o estado da autonomía
que estes días se celebra no Parlamento Galego. Segundo Cosme Pombo, para o BNG é fundamental que a aprobación definitiva da mesma non conteña cambios substanciais que desvirtúen a petición fundamental de que o Hospital de Lugo sexa dotado cos servizos de Hemodinámica 24 horas, Radioterapia e Medicina Nuclear. O BNG introduciu esta proposta xa que, segundo Pombo, os galegos e galegas teñen que ser tratados con igualdade, no eido sanitario, independentemente do seu lugar de residencia.